27 de noviembre de 2018
O goberno local destina máis de 698.000 euros a programas específicos para persoas sen teito, “máis do dobre que no 2013” segundo salienta Silvia Cameán
A campaña impulsada pola área de Xustiza Social coa colaboración de Accem incorpora unha ruta en horario de mañá, co obxectivo de achegar información do servizo e ofrecer alternativas ao colectivo
A Concellería de Xustiza Social e Coidados, a través do Servizo Municipal de Atención ás Urxencias Sociais (Semus), e coa coa colaboración da ONG Accem, pon en marcha, até o mes de abril unha nova campaña do Dispositivo de Frío, unha proposta dirixida ás veciñas e veciños sen fogar que ten como obxectivo reforzar a atención sobre este colectivo e achegar información de recursos de aloxamento ás persoas que se atopan nunha situación de especial vulnerabilidade durante os meses de inverno. Tal e como explica a edil Silvia Cameán, a proposta permite realizar, a través dun equipo especializado, "un seguimento personalizado do estado destas persoas" á vez que se ofrecen alternativas que permiten reducir a exposición do colectivo ás condicións climatolóxicas adversas desta época do ano, "favorecendo tamén unha distribución adecuada dos recursos dispoñibles".
O operativo consta dun equipo que, de luns a venres, realiza distintos percorridos por zonas da cidade controlando a situación destas persoas e informando sobre as posibilidades de recursos de aloxamento, como é o caso do centro de baixa esixencia Abeiro, posto en marcha polo goberno local en 2017. Durante estes percorridos, que teñen lugar os luns, martes, xoves e venres entre as 16.00 e as 19.30 horas, e que poden variar en función das necesidades da veciñanza, o equipo trata de apoiar e colaborar para facilitar o acceso a estes recursos. Como novidade nesta edición, a campaña municipal incorpora unha proposta de ruta en horario de mañá, os mércores, de cara a poder completar a observación, o posible contacto e atencións que poidan xurdir nesta franxa horaria, "para poder ampliar así a información sobre as alternativas de aloxamento nocturno das que dispón a veciñanza que se atopa en situación de marxinación ou exclusión social, apunta Cameán, quen lembra que o labor deste servizo realízase tamén en coordinación co Equipo de Inclusión do Concello. "Esta medida trata dar opcións un colectivo sobre o que estamos tratando de traballar de xeito integral, ao que se están destinando tamén un maior número de recursos, coa finalidade de ofrecer solucións que lles permitan dispor dunha maior autonomía, como é o caso da implantación do programa Housing First", expón a edil, quen salienta ademais o incremento do investimento municipal na atención das persoas sen teito.
"Actualmente o Concello da Coruña inviste máis do dobre de orzamento na atención ás persoas sen fogar que no ano 2013", expón Cameán. Neste exercicio, o goberno local destinará un total de 698.018 euros, "cando hai cinco anos non se chegaban aos 328.000 euros", apunta a edil. "Desde o ano 2015, estamos a incrementar as partidas destinadas a este fin, a través dos convenios con SEMUS, ACCEM e Padre Rubinos, ademais do impulso a Housing First e a creación do centro Abeiro. O noso obxectivo é, e seguirá a ser, a loita contra as desigualdades e a pobreza na Coruña", explica.
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible