28 de octubre de 2022
Desde este sábado, 29 de outubro, e ata o martes 1 de novembro, os cemiterios públicos da cidade pecharán as súas portas unha hora máis tarde, ás 19.00, para facilitar as visitas da cidadanía
A Concellaría de Medio Ambiente e Sostibilidade vén de rematar un plan de traballos orientado a reforzar a limpieza e seguridade dos cemiterios públicos de San Amaro e Feáns, acondicionando os recintos interiores, percorridos peonís e áreas verdes de ámbolos dous recintos de cara á ponte de Todos os Santos.
En Santo Amaro, o Concello acometeu unha remodelación integral da antiga sala de autopsias con vistas a acoller a nova sede da conserxería do cemiterio. Esta remodelación permitiu a recuperación do edificio, sen uso ata a actualidade, e tamén propiciou o derrubamento do inmoble onde anteriormente se situaba o servizo de conserxería, que ocupaba unha zona de paso e restaba visión e operatividade a unha serie de nichos.
"A nova sede de conserxería no cemiterio de Santo Amaro, totalmente renovada, fai máis vistoso o patrimonio monumental da instalación e encaixa á perfección coa contorna, respectando ademais a súa antiga estrutura", valorou a concelleira de Medio Ambiente e Sostibilidade, Esther Fontán.
En paralelo, tamén se executaron traballos de mellora nas áreas axardinadas máis próximas á parte monumental do cemiterio, recuperando as zonas verdes do cemiterio civil, onde existe un circuíto de comunicación interno ao que o Concello busca dar continuidade coa apertura dun percorrido conectado co cemiterio inglés.
Por outra banda, no cemiterio de Feáns finalizaron xa os traballos orientados á dotar dunha maior luminosidade a zona do tanatorio. As paredes e teitos foron sometidos a tarefas de pintado en tonalidades máis claras e tamén se retiraron as antigas cortinas para abrir as estancias interiores á visión das áreas verdes do cemiterio. Ademais, e tamén no tanatorio, renovouse o sistema de iluminación.
Os horarios dos cemiterios públicos na ponte de Defuntos
Desde este sábado, 29 de outubro, e ata o martes 1 de novembro, o Concello ampliará en unha hora, en quenda de tarde, o horario de operatividade dos cemiterios públicos da cidade. Co obxectivo de facilitar as visitas da cidadanía nestas datas tan sinaladas, as instalacións, abertas desde as 9.00, pecharán as súas portas ás 19.00 horas.
Ademais, o Concello reforzará o transporte público e activará un dispositivo especial da Policía Local por mor da festividade de Todos os Santos, dando resposta á afluencia de xente prevista nos camposantos da cidade.
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible