23 de septiembre de 2026
Carreteras acometará mañá o entronque coa rede principal de subministro, servizo afectado pola ampliación da avenida. O Concello aproveitará as actuacións para conectar a rede ao depósito de Monte Mero, que reforzará a rede ante posibles incidencias futuras
O Concello da Coruña aproveitará as actuacións que o Estado está a executar na avenida de Alfonso Molina para reforzar o sistema de abastecemento de auga da cidade e incrementar a súa capacidade de resposta ante futuras incidencias. Con motivo dos traballos previstos para este xoves nunha das principais conducións da rede, A Coruña contará cunha alternativa de abastecemento que permitirá manter o servizo durante a intervención e reforzar as garantías de subministro en toda a rede no futuro.
A intervención, que executa Carreteras, forma parte da reposición dos servizos afectados polas obras de mellora da capacidade da avenida de Alfonso Molina (AC-11), promovidas polo Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible. As obras estatais afectaron ás canalizacións existentes, polo que é necesario executar o entronque da nova condución coa rede xeral de abastecemento. Este xoves, 24 de setembro, levarase a cabo esta actuación.
A operación afecta a unha das principais arterias do sistema, polo que durante a xornada de mañá poderanse dar casos de turbidez na cidade. Para evitar que a intervención implique unha interrupción xeneralizada do servizo, realizaranse diferentes manobras hidráulicas antes e durante a xornada do xoves e porase en funcionamento a conexión co depósito de Monte Mero (con 47.000 metros cúbicos de capacidade) para garantir o subministro non só durante os traballos previstos mañá, senón tamén ante calquera incidencia que se poida producir na rede nun futuro.
A operación permitirá optimizar o funcionamento hidráulico da rede, ampliar as alternativas dispoñibles para a distribución da auga e mellorar a súa capacidade de resposta ante futuras intervencións ou incidencias nas conducións principais.
EMALCSA, como empresa municipal responsable da xestión do ciclo integral da auga, coordinará as manobras necesarias antes e durante a xornada do xoves e realizará un seguimento continuo do comportamento da rede para garantir a correcta execución da operación e minimizar as posibles afeccións ás persoas usuarias.
Posibles episodios puntuais de turbidez
Os cambios temporais nos caudais e nas condicións de circulación da auga poderán provocar episodios puntuais de turbidez nalgúns puntos da rede como consecuencia das manobras hidráulicas necesarias para levar a cabo a intervención. Os equipos técnicos manterán un seguimento continuo da operación para minimizar as posibles molestias e actuar ante calquera incidencia.
Con esta actuación, o Concello aproveita a reposición dun servizo afectado polas obras estatais de Alfonso Molina para conectar a rede co depósito de Monte Mero, reforzando así as alternativas de subministración e a capacidade de resposta da rede de abastecemento da Coruña ante posibles incidencias futuras.

19 de septiembre de 2026

26 de agosto de 2026

14 de agosto de 2026
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible