5 de octubre de 2020
A alcaldesa, Inés Rey, sinala que, tras os traballos, a rúa recuperará o seu pasado comercial e funcionará de “espiña dorsal dun modelo de espazo público diverso e socialmente cohesionado na cidade”
O concello saca a concurso cun orzamento de 98.456,28 euros a redacción do proxecto das obras de "Reurbanización da rúa de San Andrés", que abarcará o tramo que vai entre a praza de Pontevedra e a rúa Pórtico de San Andrés. A alcaldesa, Inés Rey, sinala que a obra recuperará o pasado comercial dun vieiro que se pretende que sexa de paseo, para o que se mellorarán actuacións que noutrora deron problemas na execución e no seu uso diario.
Ademais, controlarase a afluencia excesiva de vehículos motorizados no centro da cidade. Deste xeito, crearanse itinerarios de mobilidade brandos e aumentarase a calidade de espazo público: "San Andrés funcionará de espiña dorsal sobre a que se asentará un modelo de espazo público diverso, compacto e socialmente cohesionado", explicou a rexedora. A humanización da rúa conseguirase gañando metros cadrados para a estancia e o lecer, reforzados con mobiliario urbano e árbores, así como impulsando o seu carácter comercial. A cidadanía será a protagonista e recuperará a súa posición fronte ao coche. Para a obra, teranse en conta as determinacións tomadas para a avenida da Mariña e os Cantóns co fin de crear unha harmonía no deseño.
Os percorridos peonís serán prioritarios na rúa, polo que se ampliarán as beirarrúas. Por outro lado, o concello quere devolverlle o verde a unha vía en que orixinariamente se configurou o primeiro paseo con árbores da cidade a finais do século XVIII coa plantación de 300 moreiras de Valdeorras. Con esta reforma regresará esta especie nesa intención de recuperar o pasado de San Andrés e interconectala con zonas onde xa se realizaron proxectos desta natureza. Por iso, contemplarase o tratamento da rúa Pastoriza para que a intervención sexa coherente en relación con esta e a praza Cineasta Sellier e que encaixe coas rúas perpendiculares xa reurbanizadas.
Desde Urbanismo estiman que a súa redacción debería estar entregada no primeiro trimestre de 2021 para tratar de licitar a obra á volta do verán cunha partida de 1,92 millóns de euros. Deste xeito, calculan que os traballos poderían executarse nun prazo inferior ao ano.
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible