24 de marzo de 2023
Javier Fajardo, novo director da agrupación, dirixe un programa con obras de Juan Montes, Gesualdo e Purcell que se ofrecerá mañá en Viveiro e o sábado en Betanzos
A actuación terá lugar na Igrexa de Santiago de Betanzos, o mesmo escenario onde fai 25 anos ofreceu o seu primeiro concerto
O Coro da Sinfónica de Galicia celebra o seu primeiro cuarto de século cun concerto este sábado 25 de marzo na Igrexa de Santiago de Betanzos, localidade onde hai vinte e cinco anos, o 21 de marzo de 1998, ofreceu o seu primeiro concerto baixo a dirección do seu fundador James Ross, entón responsable da Escola de Práctica Orquestral da Sinfónica de Galicia e promotor da creación e primeiras audicións públicas da agrupación coral.
Se naquela ocasión soaron fragmentos de obras corais de Mendelssohn e Schubert así como a Fantasía para piano, coro e orquestra de Beethoven, esta vez o Coro da Orquestra Sinfónica de Galicia cantará o "Miserere" de Carlo Gesualdo, "Funeral Sentences" de Henry Purcell e a "Misa solemne na honra do apóstolo Santiago" do autor galego Juan Montes. O concerto, que estará dirixido por Javier Farjardo, novo director musical do coro, ofrecerase previamente no Convento de San Francisco de Viveiro o venres 24 de marzo ás 20.30 h.
O Coro da OSG, fundado en 1998, deu o seu primeiro concerto o 21 de marzo dese ano xunto coa Escola de Práctica Orquestral da OSG e baixo a dirección de James Ross. Desde a súa fundación o Coro da OSG desenvolveu unha intensa actividade artística centrada nos repertorios sinfónico-coral, operístico e a capella tendo con Company como director do grupo.
Destaca do seu repertorio a súa dedicación á música sinfónico-coral de Bach, Vivaldi, Haydn, Mozart, Beethoven, Schubert, Brahms, Mahler, Mendelssohn, Shostakóvich, Puccini, Fauré, Orff, Debussy, Britten, Garcia Abril, Rossini, Stravinski etc
Actualmente, o coro está integrado por máis de oitenta voces procedentes de toda Galicia e polo seu director artístico desde esta tempada 22/23, Carlos Mena, e o seu director musical Javier Fajardo.
Mentres tanto, as formacións infantís da Orquestra Sinfónica de Galicia ultiman as súas próximas actuacións a principios de abril no Teatro Colón e para as que xa están á venda as localidades, con prezos a partir de cinco euros.
O día 1 de abril será a quenda do Coro Infantil e o Coro Xove da OSG, co seu concerto de primavera e o 2 de abril será a Orquestra Infantil da Sinfónica a que ofrecerá o seu concerto Do Barroco ás Estrelas. Ambas as actuacións serán ás 19.00 horas.
O Coro infantil da OSG fixo a súa presentación musical, a principios do ano 2000, interpretando a "Sinfonía nº 3" de Gustav Mahler xunto coa súa Orquestra e baixo a dirección de Víctor Pablo. Desde entón actuaron en varias ocasións coa Orquestra Sinfónica de Galicia, interpretando obras de Mahler, Orff, Shostakovich, Fauré e en óperas como "Werther" e "Turandot" e colaborando, entre outros, con Emilio Aragón. Tamén ofreceron concertos a capella na Coruña e en varias localidades da comunidade galega, así como en León. Formado por uns 35 nenos e nenas de entre 10 e 14 anos, está dirixido desde a súa creación por José Luis Vázquez, e naceu coa intención de constituír un verdadeiro centro de canto coral, para a formación de novas voces. Posteriormente, poderán formar parte do Coro Xove e do Coro da OSG.
O Coro Xove da Orquestra Sinfónica de Galicia, presentado ao público en xuño de 2005, supón a posta en marcha do último dos proxectos vocais de Son Futuro, tras a consolidación do Coro e dos Nenos Cantores da OSG. Desde entón participou en varios proxectos coa Sinfónica de Galicia, entre os que destacan "Carmina Burana" de Orff, "A taberneira do porto" de Sorozábal, a estrea de "Troula" de Juan Durán ou a "Sinfonía nº2" de Mahler. En varias ocasións o coro foi convidado ao Mesías Participativo da Caixa.
Ademais de colaborar nos concertos co Coro e a Orquestra Sinfónica, ofrece con regularidade concertos en solitario en diferentes localidades galegas como Rianxo, Ferrol, Monforte, Betanzos ou Santiago. Desde o 2015 actúa nas Festas de María Pita xunto a unha banda de rock en concertos multitudinarios. En 2017 cantou no Día das Letras Galegas xunto a Real Filharmonía de Galicia baixo a dirección do mestre Maximino Zumalave. O Coro Xove, formado por 35 mozos de entre 13 e 21 anos, representa o ponte coral entre o Coro de Nenos e o Coro de adultos da OSG. Desde a súa creación foron os seus directores Daniel García Artés, José Antonio García Mato, Fernado López Briones e José Ramón Rodríguez Casteláns. Na actualidade, exerce os labores de dirección musical Daniel García Artés, sendo Carlos Mena o director artístico.
20 de abril de 2024
19 de abril de 2024
19 de abril de 2024
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible