23 de agosto de 2026
A 40ª edición masculina e a 10ª feminina reuniron esta fin de semana na enseada do Orzán algunhas das principais embarcacións do remo galego
A enseada do Orzán acolleu esta fin de semana a celebración dunha edición especialmente simbólica do Trofeo Teresa Herrera de Traiñeiras, que chegou este ano á súa 40ª edición masculina e á 10ª feminina. O CR Cabo da Cruz proclamouse vencedor na categoría masculina (5.556 metros de percorrido), cun tempo de 20:25,98, mentres que o CR Salgado-Perillo conseguiu a vitoria na categoría feminina (2.778 metros) cun rexistro de 11:28,16.
Na proba masculina, o podio completárono o SD Tirán-Pereira, na segunda posición cun tempo de 20:41,39, e o SD Samertolameu-Oversea, terceiro cun rexistro de 20:46,63.
Pola súa banda, na categoría feminina, o SD Tirán-Pereira acadou a segunda posición cun tempo de 11:34,06 e o CR Chapela-Wofco foi terceira cun rexistro de 11:41,56.
As finais disputáronse este domingo despois da xornada clasificatoria do sábado, que estreou unha das principais novidades desta edición. Mantívose o formato contrarreloxo, pero as embarcacións tomaron a saída de dúas en dúas e en dous carreiros, en lugar de facelo individualmente. Os resultados da clasificatoria determinaron a composición e orde das quendas finais.
A xornada deste domingo comezou coa tradicional ofrenda aos homes e mulleres do mar, previa á final feminina das 11.30 horas. Posteriormente disputáronse as dúas quendas masculinas, ás 12.00 e ás 12.30 horas. A final mantivo o percorrido clásico do Teresa Herrera, de tres millas, catro longos e tres ciabogas.
O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, participou na entrega de trofeos e felicitou as tripulacións participantes e, especialmente, os clubs vencedores. "Este dobre aniversario demostra a fortaleza dunha competición que forma parte xa da historia deportiva da Coruña e que cada verán volve unir no Orzán deporte, tradición e a nosa estreita relación co mar", sinalou Vázquez.
CR Cabo da Cruz, vencedor da categoría masculina
Na categoría masculina, o CR Cabo da Cruz conseguiu a vitoria cun tempo de 20:25,98, por diante de o SD Tirán-Pereira e SD Samertolameu-Oversea.
Clasificación masculina
CR Cabo da Cruz - 20:25,98
SD Tirán-Pereira - 20:41,39
SD Samertolameu-Oversea - 20:46,63
Deste xeito, a bandeira masculina continuará en xogo en futuras edicións, ao non conseguir o Club de Remo Chapela encadear a segunda vitoria consecutiva que lle permitiría obtela en propiedade.
CR Salgado-Perillo vence na décima edición feminina
Na categoría feminina, o CR Salgado-Perillo proclamouse vencedora cun tempo de 11:28,16, seguida por SD Tirán-Pereira, que rematou segunda, e o CR Chapela-Wofco, que completou o podio.
Clasificación feminina
CR Salgado-Perillo - 11:28,16
SD Tirán Pereira - 11:34,06
CR Chapela-Wofco - 11:41,56
A tripulación vencedora recibiu a nova bandeira feminina creada para este 2026, ano no que a competición feminina do Teresa Herrera alcanzou a súa décima edición.
A entrega de premios puxo o punto final a unha fin de semana de remo na enseada do Orzán e a unha edición marcada polo dobre aniversario da competición. O Concello da Coruña e a Federación Galega de Remo volveron colaborar na organización dunha proba consolidada no calendario deportivo da cidade e vinculada historicamente á tradición marítima coruñesa.
"Queremos agradecer o traballo da Federación, dos clubs, das tripulacións e de todas as persoas implicadas na organización, así como a resposta do público que se achegou ao Orzán durante a fin de semana para acompañar unha cita que queremos seguir facendo medrar nos próximos anos", concluíu Vázquez.

19 de agosto de 2026

18 de agosto de 2026

12 de agosto de 2026
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible