21 de junio de 2020
A Fundación “la Caixa” e o concello ofrecen desde o luns unha exposición do artista brasileiro nos xardíns con 38 imaxes en branco e negro sobre a natureza máis salvaxe e virxe
A Fundación "la Caixa" e o concello ofrecen desde o luns nos xardíns de Méndez Núñez a exposición "Xénese", en que a cidadanía coruñesa poderá coñecer até o 19 de xullo o último proxecto do brasileiro Sebastião Salgado. Trátase dun gran mosaico de pezas inspiradas na natureza, que emiten unha mensaxe de advertencia desde a inmensidade pola situación de perigo en que se encontra. O artista realizou estas fotografías entre 2004 e 2012 en países de paisaxes virxes como a Antártida, Madagascar, Botsuana, o Parque Nacional de Kafue en Zambia, a meseta do Colorado nos Estados Unidos, Alaska, o arquipélago das Galápagos en Ecuador, Siberia ou a selva amazónica. O que se vai poder ver na mostra son 38 instantáneas de todos estes anos entre o verde.
O artista elixiu o branco e negro para representar a grandeza e a fraxilidade da Terra nunha iniciativa que se enmarca dentro do acordo da institución catalá e a Xunta de Galicia para a celebración do Xacobeo 2021. En concreto, a mostra forma parte do programa "Arte na rúa", polo que a Fundación "la Caixa" quere achegar a arte ás persoas fóra dos museos e as salas de exposicións.
"Xénese" é o terceiro gran proxecto de Sebastião Salgado despois de "Traballadores" e "Éxodos", en que se centra no mundo natural e convida as persoas espectadoras a se cuestionaren sobre o estilo de vida actual e o seu impacto nos recursos naturais do planeta.
A exposición estrutúrase en cinco apartados: "Os confíns do sur", Xeorxia do Sur, as Malvinas, a península de Valdés e as illas Sándwich; "Santuarios", as illas Galápagos, Indonesia, e os ecosistemas de Madagascar; "África", do delta de Okavango en Botsuana e o parque de Virunga ao deserto de Arxelia; "As terras do norte", paisaxes de Alaska e da meseta do Colorado nos Estados Unidos, o Parque Nacional de Kluane na illa de Baffin (Canadá) e as rexións setentrionais de Rusia, o norte de Siberia e a península de Kamchatka; "A Amazonía e o pantanal", a confluencia dos ríos Negro e Solimões en Manaos, os parques nacionais de Canaima (Venezuela) e de Xingú (Brasil), e o Pantanal, a maior zona húmida do mundo, a cabalo entre Brasil, Bolivia e Paraguai.
TRAXECTORIA
Nado en 1944 en Aimorés, Minas Gerais (Brasil), Salgado estudou Economía, pero desde os 29 anos dedícase por completo á fotografía. Na súa traxectoria, traballou para as axencias Sygma e Gamma para se incorporar en 1979 a Magnum Photos, en que permaneceu até 1994, cando decidiu crear, xunto con Lélia Wanick Salgado, Amazonas Images, unha axencia para amosar en exclusiva a súa obra. En 2001 foi nomeado embaixador especial de UNICEF, e entre os seus numerosos recoñecementos recibiu en 1998 o Premio Príncipe de Asturias das Artes.
Nun primeiro momento, "Xénese" foi concibido para denunciar a desaparición de espazos únicos, pero as experiencias vividas levárono a cambiar o rumbo da súa investigación cara a lugares que se manteñen intactos. O resultado son 32 anos coa cámara ao ombro que deron en imaxes de paisaxes maxestosas xunto a retratos íntimos de comunidades humanas que seguen vivindo segundo as súas tradicións ancestrais. O fotógrafo concentra neste traballo os puntos máis remotos do planeta, onde o impacto do home foi mínimo. Desde desertos xigantescos a terras xeadas da Antártida, bosques tropicais e cordilleiras dunha presenza impoñente, Salgado homenaxea a natureza en todo o seu esplendor e o mundo animal con instantáneas de pingüíns, leóns mariños e das baleas do Antártico: "Sentín que era un privilexio contemplar os ciclos da vida en continua repetición", sinala Salgado.
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible