9 de marzo de 2019
O acordo, que será autorizado pola vindeira Xunta de Goberno local, establece que todas as partes participarán no control e avaliación da concesión a través dunha mesa de seguimento e que cada municipio pagará directamente á empresa polo uso que realice
A Concello da Coruña e o Consorcio das Mariñas asinarán un convenio para a contratación conxunta da xestión do servizo de tratamento e eliminación de residuos na planta de Nostián. O acordo, que será autorizado pola vindeira Xunta do Goberno local, culmina un proceso de traballo conxunto entre as dúas partes que tamén serviu para abordar o anteproxecto de renovación e mellora da planta. Así, o Concello da Coruña e o Consorcio das Mariñas corresponsabilizaranse tanto no pago como na xestión e no seguimento do novo contrato de xestión da planta de residuos de Nostián e deixan atrás un sistema baseado nos roles de propietario e clientes "que xa non é axeitado e non responde ao modelo de tratamento de residuos cara ao que camiñamos". Así o indica a concelleira de Medio Ambiente, María García, que fai fincapé en que, "con este cambio, os concellos pertencentes ao Consorcio das Mariñas pasarán a ter unha maior presenza na xestión de Nostián". Dentro deste modelo, o convenio establece unha mesa paritaria de seguimento con presenza tanto do Concello como do Consorcio na que ambas as dúas partes poidan avaliar, cando menos unha vez ao ano, a execución do contrato. "O Concello da Coruña e os municipios da nosa contorna levamos tempo configurando, no marco do proceso para a creación dunha área metropolitana e as súas mesas de traballo como a referente á residuos, unha estratexia que aborde todas as fases da xeración do lixo encamiñada á redución, reutilización e reciclaxe e que se completa agora coa xestión corresponsable na última das súas fases, a de tratamento e eliminación dos residuos", explica a concelleira.
O Concello da Coruña será o encargado da redacción dos pregos e do proceso de contratación do servizo de tratamento e eliminación de residuos, así como do de control das básculas da planta. Porén, os concellos do Consorcio colaborarán no proceso de elaboración dos pregos e na valoración das ofertas. O financiamento da concesión farase de maneira proporcional, de xeito que cada concello pagará á empresa concesionaria as facturas que lle correspondan pola xestión dos seus residuos. A vixencia do convenio será a mesma que a duración da concesión, incluídas as súas posibles prórrogas.
O anteproxecto para a remodelación da planta de tratamento de residuos de Nostián, que está vinculado ao proceso de licitación da súa xestión, prevé un investimento de máis de 42 millóns de euros para reforzar un sistema "que lidera a xestión de residuos en Galicia e que é un referente no Estado, xa que é a sexta capital de España en recuperación de envases", apunta García. O Goberno local abriu a finais de xaneiro un período dun mes de exposición pública deste anteproxecto de renovación no que, tanto sectores como axentes implicados no tratamento de residuos, puideron realizar as súas achegas ao documento. Este proceso é previo e está vinculado ao inicio dos trámites para a licitación da nova concesión da planta, que se iniciarán na primeira metade do 2019, xa que a empresa adxudicataria deberá asumir as obras previstas, explica a titular de Medio Ambiente. A finalización da concesión actual datouse, por parte da Xunta de Goberno local, en 2020.
As obras previstas na planta de tratamento de residuos urbanos de Nostián contribuirán a incrementar de forma notable as ratios de recuperación de envases e materiais, polas que tanto o Concello como a xestora da planta e os municipios do Consorcio das Mariñas reciben aportacións económicas, así como as de reciclaxe e as de xeración de compost. Tras meses de traballo para analizar a situación actual da planta, a súa maquinaria e os investimentos precisos para poder facer fronte aos obxectivos de xestión que marca a Unión Europea para o horizonte 2035, a Concellería de Medio Ambiente presentou un anteproxecto que introduce na planta as melloras tecnoloxías dispoñibles para mellorar todo o sistema de mantemento e reciclaxe, e que repercutirán tanto nun menor impacto dende o punto de vista ambiental, ao tempo que tamén aumentará os ingresos que perciben A Coruña e o Consorcio pola recuperación de materiais. Así, entre as principais actuacións, proxéctase un investimento de case 10 millóns de euros en dúas liñas de tratamento de diferentes equipos de inorgánico que pretenden incrementar notablemente a recuperación de envases e materiais, mentres que para as actuacións de residuos orgánicos, o anteproxecto contempla un gasto de 4,2 millóns en tecnoloxías de separación de impurezas que poidan ter este residuo, así como de 6,3 millóns para túneles de compostaxe diferenciados pola calidade do residuo.
A Concellería de Medio Ambiente traballa tamén na incorporación de cláusulas sociais e laborais no novo contrato de concesión para a xestión da planta, a través dun marco de traballo conxunto co comité de empresa, e que garantirán o mantemento das condicións laborais e a estabilidade dos postos de traballo.
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible