28 de febrero de 2019
José Manuel Sande salienta que, fronte aos plans de executivos anteriores, o Concello recupera a xestión pública e permite á cidade sumar unha nova instalación deportiva. O pavillón contará cunha pista polideportiva, piscina, espazo para actividades dirixidas e de adestramento libre e unha área termal.
O Goberno local presentou esta mañá o proxecto construtivo que permitirá finalizar o pavillón deportivo do barrio do Castrillón e dotalo das instalacións interiores, nas que haberá unha pista deportiva, unha piscina, espazo para actividades e unha área termal. "O plan do Goberno local para o polideportivo recupera a xestión pública do pavillón, tras dez anos de diversas xestións por parte de tres gobernos, permite completar unha nova instalación deportiva para a cidade e resolve unha demanda histórica do barrio", explicou o concelleiro responsable de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, que deu conta do proxecto xunto ao alcalde, Xulio Ferreiro, e o edil de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, ao finalizar a Xunta de Goberno local extraordinaria celebrada esta mañá. Esta reunión serviu precisamente para que o executivo municipal aprobase o expediente de modificativo de crédito, que chegará a Pleno o día 11 e que recolle o orzamento preciso para levar a cabo esta obra no presente ano.
Tal e como expuxo Sande, este proxecto materializa un equipamento deportivo "necesario e agardado" e "finaliza un periplo histórico" que pasou por sucesivas corporacións durante unha década, que se iniciou cunha licitación deserta en 2010 e unha encomenda, con diversos cambios, á empresa pública Emvsa, segundo relatou. Nesta liña, o edil resaltou que o Goberno local rexeitou a xestión privada que se tivo presente en anteriores mandatos para o equipamento en favor dunha administración pública do mesmo. O modificativo orzamentario do Goberno local, que precisa ser aprobado en Pleno, contempla máis de dous millóns de euros para a licitación desta obra, un proceso que levará a cabo Emvsa, á que xa se lle transferiu no pasado ano, por parte do Concello, medio millón de euros para este investimento.
Novas instalacións
O concelleiro de Rexeneración Urbana explicou os detalles do proxecto de adecuación do interior do pavillón, unha vez que o Goberno local xa abordou a mellora do seu exterior. "Atopámonos cun cascarón que non cumpría coas condicións mínimas de acabado e fixemos un esforzo importante para mellorar as calidades. A súa envolvente está xa rematada con calidades maiores das que estaban previstas, como paneis cerámicos na fachada, a apertura de cristaleiras máis amplas ou mellora das condicións do aparcadoiro", sinalou. O novo proxecto, que tamén ten en conta unhas calidades superiores coas máximas de facer o espazo o máis luminoso posible e que se empregue material que absorba o ruído, actuará nos máis de 3.062 m2 da superficie útil da que dispón o pavillón para construír unha pista deportiva, unha piscina, unha zona termal e salas para actividades dirixidas, entre outras. Ademais, o pavillón dispón dun aparcadoiro de 2.283 m2 que xa está finalizado e que será público para as persoas socias da instalación deportiva.
Así, o espazo disporá dunha pista polideportiva con bancada para unhas 100 persoas e que se pode dividir en dúas, unha piscina de 10 metros de ancho e 25 metros de longo e unha zona termal con baño de vapor, sauna seca, duchas cubo, tres estacións, bitérmica, escocesa e de pediluvio, spa de hidromasaxe e dúas salas de tratamentos. Ademais, o polideportivo terá dúas salas de actividades dirixidas que se poden subdividir en cinco e unha gran sala de fitness para adestramento libre de máis de 350 m2. O novo proxecto introduce tamén vestiarios separados (feminino, masculino, adaptado, para equipos e para árbitros e monitores) a petición da veciñanza, xa que vai ser unha instalación "que acolla múltiples actividades de maneira simultánea".
Modificativo
Na rolda de prensa ofrecida esta maña, o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, indicou que tanto este proxecto, como outros de importancia nos barrios (por exemplo o proxecto de derrubo do viaduto da Rolda de Nelle) poderán levarse a cabo en base a un modificativo de algo máis de 14 millóns de euros que esta mañá foi aprobado pola Xunta de goberno local e que deberá ser ratificado polo Pleno na sesión ordinaria do vindeiro día 11. Ademais de actuacións nos barrios, o modificativo sobre o orzamento prorrogado tamén permitirá facer fronte a gastos de obrigado cumprimento (como é o caso da sentenza homologada do edificio Conde de Fenosa e a suba do gasto en persoal), así como os convenios con entidades.
Ao fío, o rexedor chamou a atención sobre o traballo desenvolvido polo goberno local para poder atopar o encaixe necesario no orzamento prorrogado para sacar adiante estes proxectos. "Houbo dificultade, tendo en conta que o orzamento do ano pasado conta con 30 millóns menos dos que se podía dispoñer no proxecto orzamentario elaborado polo goberno local para 2019", que foi tombado en Pleno cos votos en contra de PP e PSOE sen que antes presentasen achegas ao mesmo. "O modificativo que presentamos dá resposta a moitas das demandas dos barrios así como aos convenios coas entidades, algo que os grupos da oposición solicitaron logo de impedir a aprobación das contas deste ano", dixo Ferreiro, que explicou que, debido a que o modificativo se ten que facer sobre o presuposto prorrogado de 2018 "o marxe para a negociación é mínima, tendo en conta que o encaixe para poder sacar adiante gastos de obrigado cumprimento fai que existan partidas que quedan practicamente reducidas a cero".
"Con todo, e debido á non aprobación dos orzamentos, este modificativo non chega para poder asumir outros proxectos que o goberno local tiña recollido no seu presuposto para 2019" como é o caso de melloras en áreas infantís e biosaudables no Castrillón e nas Conchiñas, entre outros espazos, así como melloras na pavimentación e no mobiliario do espazo público, actuacións de reposición na rede de alumeado público, ou a partida destinada a habilitar o espazo municipal no edificio da antiga Fábrica de Tabacos.
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible