1 de marzo de 2026
O atleta africano chegou á meta cun tempo de 01:01:12, seguido por Carlos Mayo e Jesús Ramos. A venezolana Edymar Brea foi a vencedora na categoría feminina, coas galegas Ester Navarrete e Sandra González ocupando o segundo e terceiro caixón do podio, respectivamente
Impresionante xornada deportiva a que se viviu esta mañá na cidade da Coruña, que na volta do medio maratón C21 ás rúas da cidade asistiu a un novo récord histórico da proba: os 01:01.12 do keniano Meshack Kipkurgat, gañador desta XVIII edición e que superou por 28 segundos a anterior plusmarca existente.
O desenvolvemento do medio maratón, que arrincou ás 9.30 horas desde a avenida de Montoto, foi acompañado de boas condicións meteorolóxicas e dun ambiente festivo desde o principio ata o final, na praza de María Pita, que por primeira vez na historia da C21 puxo a liña de meta á carreira.
A ela chegou Kipkurgat seguido de preto polos atletas españoles Carlos Mayo e Jesús Ramos, que deixaron o crono nos 01:02:43 e 01:03:11, respectivamente. Tras eles, o keniano Samson Kipyegon e o cambadés Amadeo Abal.
Na categoría feminina, a vitoria foi para a venezolana Edymar Brea, que chegou á meta en 01:13:55, coas galegas Ester Navarrete (01:14:18) e Sandra González (01:17:38) en segunda e terceira posición. Especialmente destacado foi o caso de González, atleta da Escola Atlética Lucense que debutou por primeira vez nun medio maratón e, aos seus 18 anos, conseguiu bater o récord de España na categoría sub-20.
Tras as tres ocupantes do podio feminino, a keniana Rono Cheptoo e a ferrolá Lucía Sicre.
A alcaldesa, Inés Rey, acompañada polo concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, recibiu ás e aos gañadores na liña de chegada, onde a rexedora lles fixo entrega da medalla finisher deste ano, inspirada precisamente na meta desta edición: a praza de María Pita. Rey e Vázquez deron os parabéns ás e aos vencedores desta edición, nun medio maratón que contou coa participación de máis de 2.600 deportistas.
"Déronse as mellores condicións para que A Coruña disfrutase ao máximo desta xornada de deporte ao aire libre. E iso foi posible tamén grazas aos servizos de organización, tanto do persoal municipal como das entidades, clubes colaboradores e persoal voluntario. Cómpre agradecer sempre o seu traballo e implicación porque todas e todos son fundamentais para asistir e axudar ás persoas participantes e ao conxunto da cidadanía en citas multitudinarias como esta", indicou Rey.
Adrián Sancho e Antía Castro, gañadores da 5K
Ademais da C21, esta mañá tamén se celebrou unha proba complementaria ao medio maratón: os cinco quilómetros da 5K, que comezaron pouco despois da C21, ás 9.35 horas.
A carreira, tamén con punto de partida desde a avenida de Montoto e chegada a María Pita aproveitando parte do circuíto inicial da C21, encumbrou a Adrián Sancho e a Antía Castro como gañadores desta edición.
Sancho fixo entrada a meta cun tempo de 00:14:52, seguido polo checo Jan Skarban (00:15:04) e por Alejandro Bello (00:15:06). Na categoría feminina, a atleta ourensana Antía Castro alzouse coa vitoria (00:16:39), coa asturiana Paula Herrero (00:16:39) tras ela e a coruñesa Noa Mirantes en terceiro lugar (00:17:50).
Case 4.500 persoas correron hoxe na Coruña entre C21 e 5K
A XVIII edición da C21 e a carreira dos 5K deixaron este ano un balance de case 4.500 persoas participantes no seu conxunto, superando así a cifra do 2025. Especialmente significativo foi o incremento de participación no medio maratón, que pasou de case 2.000 persoas (2025) a máis de 2.600 este ano.
Neste sentido, a alcaldesa, Inés Rey, lembrou esta mañá que o calendario de carreiras na Coruña non se detén. Xa están abertas as inscricións no conxunto do circuíto Coruña Corre 2026, que comezará o vindeiro 14 de marzo coa proba da Torre de Hércules.
Toda a información sobre o circuíto, coas datas xa confirmadas entre marzo e novembro deste ano, na web de Coruña Corre.

27 de febrero de 2026

24 de febrero de 2026

21 de febrero de 2026
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible