14 de julio de 2026
Grande Amore, Ortiga, Océano Esquizo ou Zavala actuarán os días 14 e 15 de agosto no Parque Europa, nun novo programa integrado nas Festas de María Pita e da Gaiteira
O Parque Europa acolleu esta mañá a presentación da segunda edición do Lembranza Rock, un festival impulsado pola Asociación Veciñal Oza Gaiteira Os Castros en colaboración co Concello da Coruña. A cita medra este ano ata as dúas xornadas e converterase, ademais, na primeira entrega do novo programa de fomento da música en galego nos barrios, unha nova iniciativa do Goberno de Inés Rey.
Os concertos celebraranse os días 14 e 15 de agosto. Esta confluencia crea unha sinerxía entre o programa festivo da cidade, o traballo cultural e comunitario da asociación veciñal e esta nova política municipal de fomento da música en galego, ampliando os públicos e reforzando a presenza da creación galega nos barrios. A presentación en rolda de prensa contou coa participación de Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo da Coruña; Paulo Sexto, en representación da Asociación Veciñal Oza Gaiteira Os Castros; Nuno Pico, líder de Grande Amore; e Xosé Manuel Pereiro, integrante de Océano Eskizo.
"Desde o Goberno de Inés Rey queremos que a música en galego teña unha presenza estable, visible e próxima na programación cultural da cidade. Este programa nace precisamente para levar esa creación aos barrios e para sumar o impulso municipal ao traballo das entidades veciñais. O Lembranza Rock é a mellor primeira entrega posible: unha proposta nacida da comunidade, e que coincide coas Festas de María Pita, conectada coas Festas da Gaiteira", indicou Gonzalo Castro.
Loaira: música en galego desde os barrios
Loaira é un novo programa do Concello da Coruña, a través de Promoción da Lingua, orientado a favorecer a programación, a circulación e a visibilidade da música feita en galego nos diferentes barrios da Coruña. A súa primeira experiencia articúlase arredor do Lembranza Rock, reforzando un festival de balde e aberto a toda a cidadanía no que conviven bandas consolidadas e novos proxectos, e facendo coincidir a acción de fomento lingüístico coa vida festiva e comunitaria da cidade.
Nesta segunda edición, o Lembranza Rock amplía o seu formato para ofrecer dous días de concertos gratuítos e reforza a súa aposta pola escena galega do punk, do rock e do metal. Entre os principais reclamos do cartel destacan Grande Amore, cunha mestura singular de electrónica, punk e rock; Ortiga, referente da música urbana galega; e Loita Amada, unha das bandas que mellor representa o punk rock máis combativo. O festival contará tamén coa presenza de Océano Eskizo, formación integrada por músicos vencellados á historia da escena coruñesa, e completará o cartel con Zavala, Boogies e Rapariga DJ, que pechará a noite do sábado. A combinación de traxectorias consolidadas e propostas emerxentes exemplifica o bo momento creativo da música galega e a diversidade de linguaxes que Loaira quere contribuír a achegar aos barrios.
O Concello da Coruña e a Asociación Veciñal Oza Gaiteira Os Castros reafirman así o seu compromiso coa dinamización cultural da Gaiteira, Oza e Os Castros, coa normalización lingüística, e co acceso da cidadanía a unha programación de calidade. A colaboración entre o calendario das Festas de María Pita, as festas do barrio e o novo programa permite sumar recursos, públicos e capacidade de difusión, ao tempo que fortalece o tecido asociativo e o uso do galego na cultura contemporánea.
Festas da Gaiteira
O Lembranza Rock coincidirá coas Festas da Gaiteira, que se celebrarán do venres 14 ao domingo 16 de agosto cun programa de actividades para todos os públicos. Haberá pasarrúas, unha feira de artesanía con espectáculos familiares, batucada, sesións de Cascarillarte e sesión vermú na rúa da Gaiteira.

14 de julio de 2026

13 de julio de 2026

29 de junio de 2026
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible