8 de octubre de 2025
Como na pasada edición, tamén haberá unha proba específica de cinco quilómetros, a 5K. Na última edición, combinando ambas as carreiras, participaron case 4.000 persoas
O medio maratón C21, unha das grandes citas do calendario deportivo anual da Coruña, volverá ás rúas da cidade o 1 de marzo de 2026. Así o adiantou hoxe o concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, que lembrou que a proba aparellará, un ano máis, unha carreira complementaria de cinco quilómetros, a 5K.
O Concello informará proximamente da data de apertura de inscricións no medio maratón coruñés do 2026. O prazo abrirá nas vindeiras semanas.
Na última edición da C21, realizada o pasado mes de febreiro, participaron case 4.000 persoas sumando as cifras do medio maratón e a 5K. Nesta última, ademais, cun fito histórico: por primeira vez desde que se puxeron en marcha estas competicións, a participación feminina superou a masculina.
"As carreiras populares teñen un potencial enorme en termos de visibilización da cidade e estamos a traballar para darlles un pulo. Non só no referente ás cifras de participación, que están a ser boas, senón tamén para que a experiencia das persoas usuarias sexa aínda mellor. Iso é o fundamental para nós", explicou Vázquez.
Neste sentido, ao longo desta tempada estanse a recoller achegas e valoración das persoas que participan no circuíto Coruña Corre e tamén na pasada edición da C10, co obxectivo de reforzar a organización das carreiras de cara ao vindeiro ano.
Cómpre lembrar, iso si, que a tempada de carreiras populares aínda non rematou na Coruña, xa que o vindeiro 26 de outubro terá lugar a penúltima proba de Coruña Corre, no barrio do Ventorrillo. A última cita será o 23 de novembro en Novo Mesoiro, que suporá o peche do circuíto neste ano 2025.

21 de enero de 2026

14 de enero de 2026

12 de enero de 2026
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible