30 de septiembre de 2026
Durante o período de peche manteranse as visitas guiadas ao Castro de Elviña e a programación de talleres da biblioteca do museo
Os traballo, que permitirán modernizar as infraestruturas e mellorar a conservación das coleccións e a atención ao público, suporán o peche temporal do museo desde o 6 de outubro
O Museo Arqueolóxico e Histórico Castelo de San Antón pechará temporalmente as súas portas ao público a partir do vindeiro 6 de outubro debido ao avance das obras de renovación integral da instalación eléctrica e das infraestruturas do recinto que está a executar o Concello. A medida adoptase para garantir a seguridade das persoas visitantes e a correcta protección das coleccións conservadas no museo.
Os traballos forman parte do proxecto de modernización das instalacións do castelo posto en marcha este ano polo Goberno de Inés Rey, unha actuación que inclúe a renovación integral da rede eléctrica, a adecuación das canalizacións e a reorganización das infraestruturas de distribución eléctrica, hidráulica e de telecomunicacións do museo. Ademais, estanse executando melloras na fontanería e no itinerario de acceso ao recinto. O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, destacou a importancia desta intervención para garantir a conservación e valorización dun dos principais espazos patrimoniais da cidade. "Estamos a levar a cabo unha actuación necesaria para adaptar o museo ás necesidades actuais e asegurar as mellores condicións para a conservación do patrimonio e para a futura experiencia das persoas visitantes", sinalou.
O Concello prevé que o peche sexa o máis breve posible e informará puntualmente da reapertura do museo unha vez que as condicións de seguridade permitan recuperar a actividade habitual. As obras, adxudicadas á empresa Tecnored, supoñen un investimento superior aos 400.000 euros financiado con fondos estatais obtidos polo Concello a través dunha subvención do Ministerio de Industria e Turismo. Esta actuación forma parte dun programa máis amplo de posta en valor do patrimonio histórico da Cidade Vella e a súa contorna.
A pesar do peche temporal do Castelo de San Antón, a Rede de Museos Históricos da Coruña manterá parte da súa programación habitual. Continuarán realizándose as visitas guiadas ao Castro de Elviña, onde tamén están en marcha actuacións de mellora e posta en valor impulsadas polo Concello. Ademais, seguirán desenvolvéndose os talleres e actividades programadas na biblioteca do museo, co obxectivo de manter a oferta divulgativa e educativa vinculada ao patrimonio histórico e arqueolóxico da cidade.
Peche da Torre de Hércules ata o 15 de novembro
Por outra banda, a partir deste xoves 1 de outubro o acceso de persoas visitantes á Torre de Hércules quedará restrinxido debido aos traballos de renovación eléctrica do faro, que acometerá a Autoridade Portuaria da Coruña. Está previsto que os traballos, que afectarán ao conxunto do edificio, finalicen o 15 de novembro.

30 de septiembre de 2026

29 de septiembre de 2026

29 de septiembre de 2026
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible