4 de marzo de 2026
A xornada celebrarase nas instalacións da R.S.D. Hípica de Figueroa, en Abegondo, e forma parte do calendario oficial da Federación Hípica Galega
Este sábado disputarase o primeiro dos concursos que integran o Trofeo Cidade da Coruña de hípica, unha competición que consta de seis probas ao longo do ano e que forma parte do calendario oficial da Federación Hípica Galega.
A primeira das citas do calendario celebrarase nas instalacións da R.S.D. Hípica de Figueroa, en Abegondo, e contará coa participación de 110 xinetes e amazonas nesta proba, procedentes de distintos puntos de Galicia, principalmente da área metropolitana da Coruña, Ferrol e Lugo.
A competición comezará ás 10.00 horas e prolongarase ao longo da xornada, cun total de 159 saídas a pista, repartidas nas probas establecidas por alturas: 0,50; 0,80; 1,00; 1,10 e 1,20 metros.
A organización estima que entre 500 e 1.000 persoas se achegarán ás instalacións para seguir en directo as distintas probas da xornada.
O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, destacou a importancia deste tipo de eventos para a promoción da actividade deportiva. "Este tipo de competicións contribúen a dar visibilidade a disciplinas cunha longa tradición na nosa contorna e permiten achegar a práctica da hípica á cidadanía", sinalou.
A entrega de trofeos realizarase ao remate de cada unha das probas directamente na pista, nun acto no que participará o concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, xunto coa organización do concurso.
O club organizador conta cunha ampla traxectoria na promoción da hípica, xa que comezou a organizar concursos na década dos anos sesenta, chegando a acoller competicións internacionais na Coruña. Ademais, durante quince anos promoveu o coñecido Derby da Torre e actualmente celebra a cuarta edición do concurso Cidade da Coruña.
Este trofeo conta cunha longa traxectoria na cidade e ao longo dos anos recibiu o respaldo do Concello da Coruña a través das liñas municipais de apoio ao tecido deportivo.
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible