29 de septiembre de 2026
O espectáculo representarase na Coruña do 11 ao 14 de febreiro de 2027
O Teatro Colón incorporará á súa programación de 2027 un dos grandes fenómenos internacionais do teatro musical. 'The Book of Mormon', considerado o musical máis premiado da historia de España, representarase na cidade entre os días 11 e 14 de febreiro dentro da súa primeira xira estatal tras tres tempadas de éxito en Madrid. As entradas para as funcións previstas no Teatro Colón xa están dispoñibles a través da plataforma Ataquilla e na billeteira da Praza de Ourense.
A produción, promovida por ATG Entertainment co apoio do Concello, chega á Coruña despois de superar as 1.000 funcións e reunir máis de 600.000 espectadores no país. O espectáculo acumula ademais 17 recoñecementos, entre eles os galardóns ao Mellor Musical nos Premios Talía, Broadway World e Premios de Teatro Musical, un fito sen precedentes no sector.
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, destacou a relevancia de incorporar á programación municipal unha produción desta dimensión. "Desde o Goberno de Inés Rey seguimos traballando para que a Coruña sexa unha referencia cultural tamén no ámbito das grandes producións escénicas. A chegada de 'The Book of Mormon' ao Teatro Colón permitirá ao público coruñés gozar dun dos espectáculos máis exitosos e recoñecidos do panorama internacional sen saír da cidade", sinalou.
Creado por Trey Parker e Matt Stone, responsables da serie 'South Park', xunto ao compositor e letrista Robert López, autor das cancións de filmes como 'Frozen' e 'Coco', 'The Book of Mormon' converteuse nun dos musicais máis aclamados do século XXI. A dirección da versión española corre a cargo de David Serrano.
A historia segue as andanzas de Elder Price e Elder Cunningham, dous novos misioneiros enviados a unha aldea de Uganda coa misión de difundir a súa fe. A súa chegada e os intentos por conectar coa realidade da comunidade local desencadean unha sucesión de situacións cómicas e inesperadas que converteron o espectáculo nun referente internacional do humor musical contemporáneo.
A produción mantense actualmente en cartel tanto en Broadway como no West End londiniense, un feito pouco habitual dentro do teatro musical. En Nova York celebrou recentemente o seu décimo quinto aniversario, consolidándose como un dos maiores éxitos da historia recente do xénero. A nivel internacional foi distinguida con nove premios Tony e catro premios Olivier, incluídos os de Mellor Musical en ambas categorías.

29 de septiembre de 2026

29 de septiembre de 2026

28 de septiembre de 2026
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible