Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

5 de marzo de 2026

O Teatro Colón prepara unha fin de semana de máxima actividade co concerto de Pedro Guerra e Javier Álvarez e o ciclo Mulleres de Cine

As últimas entradas para as diferentes funcións continúan á venda

O Teatro Colón da Coruña acolle esta fin de semana unha actuación musical de primeiro nivel, protagonizada por Pedro Guerra e Javier Álvarez, e os dous primeiros eventos do ciclo municipal Mulleres de Cine, co que se conmemora o Día Internacional da Muller. "O Teatro Colón segue a ser unha das instalacións culturais máis versátiles de Galicia, cunha programación moi variada e dunha enorme calidade froito do traballo levado a cabo polo Goberno de Inés Rey nestes últimos sete anos", indicou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo.

Este venres 6 de marzo ás 20.30 horas estarán no Teatro Colón Pedro Guerra e Javier Álvarez, dous nomes esenciais da canción de autor dos 90 volven xuntos ao escenario para celebrar unha complicidade musical única. Pedro Guerra e Javier Álvarez revisitarán temas emblemáticos das súas carreiras e presentarán novas sinerxías nun concerto íntimo e vibrante, cheo de emoción, humor e tenrura. Unha oportunidade irrepetible para gozar de dúas voces que marcaron época.

A fin de semana continuará con cinema co ciclo Mulleres de Cine, organizado polo Concello para conmemorar o 8 de Marzo. O sábado, Bea Lema presentará a curtametraxe 'O corpo de Cristo' ás 20.00 horas. Será a primeira proxección en Galicia desta adaptación da obra que lle valeu á autora coruñesa o Premio Nacional do Cómic 2024. Estará acompañada por Candela Sierra, Premio Nacional do Cómic 2025 e autora de 'Lo sabes aunque aún no te lo he dicho'. Ambas protagonizarán un coloquio posterior baixo o título 'Habitar o incómodo'.

O 8 de marzo (17.00 horas), a actrizMaría Vázquez presentará 'Los pequeños amores' (Celia Rico, 2024). Cada sesión estará comisariada por unha profesional destacada, que escolleu unha obra cinematográfica significativa para compartir co público e reivindicar, a través do cinema, novas miradas sobre o papel das mulleres na sociedade e na cultura. Proponse así unha experiencia cinematográfica construída a partir de cinco voces femininas.

O 12 de marzo (20.00 horas) será a quenda da artista Aida Tarrío, que escolleu a película 'Todo sobre mi madre' (Pedro Almodóvar, 1999). O 22 de marzo (19.00 horas), a escritora Ledicia Costas presentará a proxección de 'La quimera' (Alice Rohrwacher, 2023).

As últimas entradas tanto para o concerto de Pedro Guerra e Javier Álvarez como para o ciclo Mulleres de Cine continúan á venda a través de Ataquilla, do despacho de billetes da praza de Ourense e, o día da función, no propio despacho do Teatro Colón.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión