1 de octubre de 2025
A xornada comezará cun roteiro musical guiado por Xurxo Souto e no que participarán diferentes agrupacións corais
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, participou esta mañá na presentación do Ciclo de Coros Galegos, organizado por Cántigas da Terra e que conta coa colaboración do Concello. O evento, un dos máis estables na programación do folclore coruñés, cumpre vinte anos preservando e divulgando a tradición galega en xornadas e concertos nos que as diferentes manifestacións da cultura popular pasan polo escenario. Neste aniversario, a institución quere achegar a programación á cidadanía completando os habituais espectáculos do Teatro Rosalía de Castro cunha oferta variada de actividades paralelas.
"Desde o Goberno de Inés Rey amosamos unha vez máis o noso compromiso coa cultura galega e coas agrupacións e asociacións que a promoven na nosa cidade", indicou Castro. Este novo formato do ciclo estréase o próximo 5 de outubro coa primeira destas actividades: un roteiro musical conducido polo músico e escritor coruñés Xurxo Souto. Cantigas e Agarimos (Santiago de Compostela), Toxos e Froles (Ferrol) e De Ruada (Ourense) acompañarán a Cántigas da Terra poñendo a música a un paseo polo casco vello no que o público poderá coñecer de primeira man a vinculación das formacións vocais coruñesas coa cidade e o seu patrimonio. O percorrido finalizará nas portas do teatro Rosalía de Castro, onde os catro coros históricos interpretarán conxuntamente unha obra. A programación continuará, xa dentro do teatro, coa estrea do Conxunto instrumental de Escolas da Terra, o proxecto educativo da entidade coruñesa.
A segunda xornada desta edición terá lugar na última fin de semana de outubro, e comezará cunha charla impartida polo filólogo Xosé Manuel Sánchez Rei (sábado 25, Fundación Luís Seoane) titulada "Aproximación ao cancioneiro tradicional da Coruña". O domingo 26 a programación seguirá no Teatro Rosalía cunha mostra no clásico formato do Ciclo, onde Cántigas da Terra estará acompañado polos grupos Airiños de Fene e Armadanzas de Laraño.
O Ciclo de Coros Galegos pechará esta edición o 29 e 30 de novembro convidando á reflexión sobre o pasado e futuro das agrupacións corais, comezando coa palestra "Por outros cen anos de foliada!" do musicólogo Luís Costa (sábado 29, Fundación Luís Seoane) e un posterior faladoiro no que representantes de coros galegos, tanto históricos como de recente creación, debaterán sobre o papel destes en relación á música tradicional. A xornada de clausura terá lugar, unha vez máis, no Rosalía, onde o Coro da Rá compartirá cartel con Cántigas, amosando a vixencia do formato coral na música actual.

28 de marzo de 2026

27 de marzo de 2026

27 de marzo de 2026
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible