25 de septiembre de 2021
Con estes galardóns, os Museos Científicos e o Concello pretenden poñer en valor o traballo das e dos profesionais deste campo e achegar a cultura científica á cidadanía
O xurado dos Premios Prismas elixiu hoxe as oito propostas gañadoras dos galardóns de bronce cos que os Museos Científicos e o Concello tratan de poñer en valor a cultura científica que se difunde a través de distintos soportes. Esta nova convocatoria reafirma a aposta do Goberno de Inés Rey por valorar o esforzo das persoas profesionais deste campo e vai en consonancia co papel dos museos desta cidade. A volta á normalidade destes centros dedicados á divulgación da ciencia é fundamental para levar o coñecemento a toda a cidadanía.
Deste xeito, o Mellor traballo en vídeo recaeu en The melting point, de Phorus Producciones pola súa calidade e por abordar un tema urxente con rigor e emoción e unha coidada factura visual. A distinción como Mellor novo medio foi para The Conversation España, por levar a voz da comunidade científica ao gran público nun formato accesible e sempre pendente da actualidade. Pioneras en geología, de Guiomar Calvo Sevillano, gañou na categoría de Mellor texto inédito por rescatar a historia das mulleres que contribuíron ao progreso da xeoloxía nun exhaustivo traballo de investigación.
O premio ao Mellor libro editado levouno Esto no estaba en mi libro de botánica, de Rosa Porcel en Editorial Guadalmazán, por trasladar a súa paixón pola vida das plantas nun relato fascinante, cun estilo desenfadado e sen renunciar ao rigor, e a reportaxe El año de la ciencia, publicado en El País por Patricia Fernández de Lis foi elixido Mellor artigo xornalístico ao analizar con solidez e da man dos seus protagonistas as complexas relacións entre ciencia e sociedade nun ano excepcional.
No soporte radiofónico, Las científicas del coronavirus, retratos sonoros de una pandemia, de Nuria Jar Benabarre para Agencia SINC, conseguiu o premio por ofrecer unha equilibrada mestura de crónica persoal e información sobre o traballo das mulleres investigadoras durante a pandemia. Pola súa parte, os membros escolleron como Mellor proxecto singular: Odour Collet, de Rosa Arias, unha iniciativa desenvolvida en múltiples formatos, tanto presenciais como en liña. O xurado destacou a súa orixinalidade abordando un problema de contaminación pouco visible coas ferramentas da ciencia cidadá.
Ademais, decidiron outorgarlle o Prisma Especial do Xurado a José Manuel López Nicolás, polo seu activo compromiso coa divulgación científica a través de múltiples formatos. Por outro banda, determinaron darlles mencións honoríficas ao artigo xornalístico La zona muerta, de Laura González de Rivera, publicado en Muy Interesante e ao proxecto singular Cuéntame cómo dedicarme a la ciencia, de Xiomara Cantera Arranz para el Museo Nacional de Ciencias Naturales - CSIC.
Os premios Prismas son unha iniciativa dos Museos Científicos e do Concello da Coruña que pretende potenciar a difusión da cultura científica en España, e apoiar a todas as investigadoras e investigadores. A entrega dos premios terá lugar nun acto que se celebrará o sábado 20 de novembro na Coruña.
O xurado estivo composto por:
- Presidente: Javier Salas Quesada, xornalista científico en Materia - El País.
-Mila Méndez Otero, xornalista de La Voz de Galicia.
-Cintia Refojo Seronero, xefa de unidade de Educación Científica na Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología.
-Estíbaliz Espinosa Río, socióloga, escritora e divulgadora científica.
-Anxo Vidal Figueroa, investigador na Universidad de Santiago de Compostela.
-Cristina Sáez Torres, xornalista especializada en divulgación científica.
Pola súa parte, Marcos Pérez Maldonado, xefe de servizo dos Museos Científicos Coruñeses, actuou como secretario.
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible