11 de septiembre de 2026
O Concello coordinou o desenvolvemento da carreira coa programación das Festas de Oza, que continúan esta fin de semana no barrio
A XIII edición da proba percorrerá os barrios dos Castros, O Castrillón e Eirís, con saída ás 10.00 horas desde o parque de San Diego
Preto de 1.200 persoas participarán este domingo 13 na XIII edición da Volta a Oza, unha das probas máis características do circuíto municipal Coruña Corre, que regresa ás rúas da cidade tras o parón estival para afrontar a segunda metade da súa tempada.
A Volta a Oza será a quinta das sete probas que integran o calendario do Coruña Corre 2026, que conta con 2.346 persoas inscritas no conxunto do circuíto. A cita deste domingo chega con 1.153 participantes confirmados entre as diferentes categorías.
A carreira absoluta arrincará ás 10.00 horas desde o parque de San Diego e contará cun percorrido de 6.250 metros polos barrios dos Castros, O Castrillón e Eirís. O trazado, un dos máis peculiares do circuíto, combina asfalto e sendas de terra e inclúe treitos de notable desnivel, con paso polo parque de San Diego, a avenida da Concordia, os parques de Eirís e Oza e a rolda de Outeiro antes do regreso á meta.
"A Volta a Oza é xa unha das grandes clásicas do Coruña Corre, unha carreira moi recoñecible polo seu percorrido e pola súa vinculación cos barrios polos que transcorre, onde este domingo volveremos vivir unha gran mañá de deporte popular con preto de 1.200 persoas de todas as idades", sinalou o concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez.
O edil destacou tamén a consolidación do Coruña Corre, que este ano chega á súa XIII edición cun calendario formado por sete probas entre os meses de marzo e novembro. "O Coruña Corre permítenos fomentar a práctica deportiva e os hábitos de vida saudable dunha maneira aberta e interxeracional e, ao mesmo tempo, levar a actividade ás rúas e aos espazos públicos dos barrios, que son os grandes protagonistas deste programa municipal", indicou Vázquez.
Tras a carreira absoluta será a quenda das categorías inferiores. Ás 11.15 horas sairá a categoría sub-18 e ás 11.30 a sub-16, ambas sobre un percorrido de 2.430 metros. A proba sub-14 comezará ás 11.45 horas e terá 1.650 metros, mentres que as categorías sub-12 e sub-10 sairán ás 12.00 e ás 12.15 horas, respectivamente, cun trazado de 810 metros. As e os peques pecharán a programación deportiva ás 12.30 horas cun percorrido de 150 metros.
Un domingo de deporte e festa no barrio
A celebración da Volta a Oza coincidirá esta fin de semana coas festas populares do barrio, que se desenvolven entre o venres 11 e o domingo 13 de setembro no parque de Oza dentro do programa municipal de Festas de Barrio.
Deste xeito, tras a mañá de Coruña Corre, a actividade continuará no barrio coa programación festiva. A última saída da Volta a Oza terá lugar ás 12.30 horas e, unha hora despois, ás 13.30, comezará a programación dominical das Festas de Oza, cunha sesión de carácter familiar na que actuarán Los Alcántara e El Jaleo de Lía ata as 17.00 horas.
"Este domingo Oza será un bo exemplo da capacidade dos nosos barrios para acoller propostas para todos os públicos, primeiro cunha das probas máis tradicionais do calendario deportivo popular da cidade e, posteriormente, coa continuidade das festas do barrio, favorecendo unha xornada de convivencia e actividade nos espazos públicos", apuntou Vázquez.
As Festas de Oza forman parte do programa municipal de Festas de Barrio, co que o Concello apoia as celebracións populares nos distintos distritos da cidade e para o que o Goberno de Inés Rey destina este ano 500.000 euros ás asociacións veciñais.
Recollida de dorsais e servizos para as persoas participantes
A recollida de dorsais terá lugar este sábado 12 no centro comercial Cuatro Caminos, entre as 11.00 e as 20.30 horas.
Xa o domingo, as persoas participantes terán á súa disposición un servizo de gardarroupa no Complexo Deportivo Municipal de San Diego entre as 9.30 e as 11.30 horas, así como servizo de duchas entre as 10.30 e as 13.00 horas.
A Volta a Oza abrirá o treito final da tempada do Coruña Corre. Tras a carreira deste domingo quedarán dúas citas por disputar: a XII Carreira Popular do Ventorrillo, o 25 de outubro, e a XIV Carreira Popular de Novo Mesoiro, o 22 de novembro.

5 de septiembre de 2026

1 de septiembre de 2026

31 de agosto de 2026
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible