7 de marzo de 2016
A concelleira de Igualdade e Diversidade presentou esta mañá o avance do ‘Informe sobre a situación das mulleres’ na Coruña, que estará dispoñible na web municipal
A concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, presentou esta mañá o avance do Informe sobre a situación das mulleres na Coruña, preparado pola súa área, e que amosa datos relevantes sobre as condicións socioeconómicas da poboación e o seu impacto nas mulleres. “Malia que non queremos traballar con datas concretas, é necesario empregalas para visualizar que as desigualdades seguen existindo, tamén na nosa cidade”, destacou a edil, “e certifican a necesidade de continuar traballando nesta materia”. A edil vén de presentar a a campaña transversal con motivo do 8 de marzo Para todas, todo, na que colaboran distintas concellerías e a través da cal o Goberno local fai un chamado pedindo ”todos os dereitos para todas as mullleres”, explicou, e que reflictirá mañá durante a lectura do manifesto institucional do Día Internacional das Mulleres. Será ás 10.00 horas no Pazo dos Deportes de Riazor, e Fraga estará acompañada das deportistas Aida Vieites, (5ª no Campionato do Mundo de Patinaxe Artística), Elsa Porto e Selene Roz (xogadoras do CRAT), Gloria Cousillas e Alba Veiga (campioa e subcampioa de España de Ximnasia Rítmica) e Josefa Vázquez, alumna das Escolas Deportivas Municipais.
Entre as informacións máis significativas do estudo sobre a situación das mulleres na cidade, destacan ás relativas a taxa de actividade e táboas salariais. “A precariedade laboral ten nome de muller na Coruña”, afirmou Fraga. “Aínda que coa crise se igualou a taxa de desemprego, a precariedade segue sendo feminina en maior medida”, expuxo a edil, quen salientou que “o salario hora é menor nos traballos feminizados e a tempo parcial, sobre 6,3 euros”. Outro dos datos que quixo destacar a responsable da área de Igualdade, que tamén sinalou o pasado 22 de febreiro no Día Europeo pola Igualdade Salarial, é que “o 50% das mulleres empregadas reciben menos deses 6,3 euros por hora”. “Non se trata só dun índice maior de paro, se non que estamos ante unha maior situación de vulnerabilidade nas condicións de emprego”, explicou.
Os datos tamén arroxan información sobre a distribución poboacional por distritos, que porcentualmente é maior nas mulleres. “Isto implicaría que calquera política territorial”, segundo Fraga, “tería que ter conta as condicións de vida e o seu impacto nas mulleres”. A concelleira tamén destacou o maior número mulleres entre a poboación estranxeira migrada, agás no caso do continente africano, onde as táboas amosan que “os homes emigran en maior medida”. Tamén é visible neste informe “a incidencia de maior discapacidade física nas mulleres, en especial en enfermidades dexenerativas como a fibromialxia, que están asociadas aos traballos de coidados das mulleres e cremos que moitos destes datos teñen que ver coas ocupacións das traballadoras”, explicou a edil.
O informe, que estará dispoñible nos vindeiros días na web municipal, inclúe tamén estatísticas sobre a organización do Concello da Coruña, onde o 51,9% do cadro de persoal é muller, ou cifras sobre as e os usuarios dos servizos públicos. Así, dedúcese que a poboación masculina emprega en maior medida o servizo de BiciCoruña, mentres que o uso da Tarxeta Millenium no autobús urbano expón que o 60% das persoas usuarias son mulleres. Estes datos serán analizados, segundo explicou a concelleira, polo Observatorio para a Igualdade e Diversidade, “que xa está traballando”, para abordar cuestións específicas que atinxan ao Plan de Mobilidade. Outros aspectos nos que destaca o maior número de usuarias sobre o de usuarios é nos programas deportivos municipais, lecer ou do propio Servizo Municipal de Bibliotecas.
Durante a presentación, a concelleira de Igualdade amosou o avance do spot da campaña Para todas, todo, titulado Abaixo os muros patriarcais, e que se desenvolverá esta semana a través de entrevistas con mulleres que pertencen a diferentes entidades sociais da cidade. “Ofrecímoslles a posibilidade de expresarse a través de entrevistas nas que se lle pregunta polos muros que teñen que superar cada día”, explicou Fraga. Este traballo audiovisual, que segundo a edil “permitirá visualizalas e amosar a realidade coruñesa”, contará coa participación de representantes de Alma Lactancia, Asociación AIND, Asociación pola liberdade afectiva e Sexual da Coruña (Alas Coruña), Asociación Pro Personas con discapacidad intelectual de Galicia (Aspronaga), Asociación de Personas Sordas (ASPESOR), Asociación de mulleres con discapacidade de Galicia (ACADAR), Club Viaxes Amarelle FSF, Comité CIdadán Anti-Sida da Coruña (CASCO), Domu África, Federación Galega de enfermedades raras e crónicas (FEGEREC), Fundación Mujeres, Mulleres Colleiteiras, Pegadas (que forma parte da UGACOTA), a secretaría de Igualdade e movementos sociais de UGT e Viraventos.
Outra das actividades principais que desenvolverá a Concellería durante a celebración da campaña do 8 de marzo será “A-ténde-te”, co obxectivo de mobilizar á participación e a reflexión das mulleres en torno ó seu propio empoderamento e a consecución dos seus dereitos. A iniciativa, que terá lugar no Mercado de San Agustín entre mañá e o sábado 12, é aberta a todas as mulleres da cidade e contará coa colaboración das praceiras. “A-ténde-te” empregará a referencia simbólica dun tendal para motivar ás mulleres para que busquen un espazo propio “para atenderse”, segundo explicou a responsable municipal, e un tempo propio que lles permita “pararse a pensar” sobre os aspectos que afectan ás súas realidades como mulleres, aos seus proxectos vitais “e expresen os seus desexos”. “Escollimos o tendal en referencia aos históricos espazos de mulleres, como lavadoiros dos ríos, e e os patios veciñais onde tendían xuntas a roupa”, afirmou Fraga. As mulleres, de forma anónima, poderán tender as súas reflexións sobre prendas de roupa creadas para tal fin.
Paralelamente, realizarase un obradoiro dirixido á poboación infantil, no que as nenas e nenos compartirán as súas propias reflexións nun minitendal e que posteriormente porán en común para analizar a igualdade de xénero desde a súa perspectiva. Este taller, gratuíto, celebrarase o sábado 12 de 12.00 a 14.00 horas.
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible