Ayuntamiento de A Coruña

Ayuntamiento de A Coruña

Cuándo:

3 de diciembre de 2017

SERVIZOS PRESTADOS POLA POLICÍA LOCAL

Dende as 07:00 horas do 19 de novembro até as 07:00 horas do 3 de decembro

DETIDOS POR DELITOS DE VIOLENCIA MACHISTA

- Ás 20:00 horas do 19 de novembro, unha patrulla de Policía Local foi comisionada pola Sala Operativa do 092 para que se trasladara á contorna do Campo da Leña, onde un home agredira a unha muller na vía pública e, de seguido, producírase unha pelexa entre varios homes. Xa no lugar, dúas testemuñas dos feitos explicaron á dotación como, intres antes, unha parella comezou a discutir e a forcexar até que o home lle propinou unha forte labazada á muller na cara, momento no que interviron para separalos. O agresor xa abandonara o lugar, pero as testemuñas facilitaron unha detallada descrición que se transmitiu a outros vehículos policiais para a súa procura. A vítima, que estaba a chorar e en estado de gran nerviosismo nun banco da contorna, non recoñeceu os feitos nun primeiro momento, pero ante as declaracións das testemuñas a evidencia das lesións, presentaba o púmulo dereito inchado, recoñeceu que fora agredida pola súa actual parella sentimental. Mentres tanto, a Sala operativa do 092 recibiu unha chamada dun home que reclamaba presenza policial para esa mesma zona, porque fora agredido por varios homes. A dotación que se desprazou ao lugar comprobou que o reclamante do servizo era o agresor da muller, polo que procedeu á súa inmediata detención. O agresor será denunciado de oficio por un delito de violencia de xénero.

- Ás 22:32 horas do día 29, unha patrulla da Policía Local foi comisionada pola Sala Operativa do 092 para que acudisen á Praza do Tebeo, onde, segundo a chamada, unha muller fora agredida por un individuo. Unha vez no lugar, foron requiridos por unha muller, veciña desta cidade e de 52 anos de idade, a cal manifestou ser agredida por un varón que non coñecía de nada e que se lle aproximou cando camiñaba para pedirlle que o mirase. Cando se virou, o home propinoulle un puñetazo no rostro, concretamente a altura do ollo dereito, producíndolle unha erosión no mesmo e o pómulo do mesmo lado. A muller indicou a unha dotación policial que se atopaba nas inmediacións quen era o home suposto autor dos feitos, que procedeu a ser identificando como un veciño da cidade de 60 anos de idade. Este, negou os feitos, así como ter golpeado á muller. Informada dos trámites a seguir para formular a correspondente denuncia, foi trasladada ao Pac Casa do Mar a fin de ser asistida das súas lesións, manifestando a súa vontade de realizar a denuncia. Este home xa fora identificado por outra patrulla da Policía Local, na mañá do mesmo día, por causa dunha agresión a unha muller na rúa Juan Flórez. Ao parecer, os feitos producíronse cando esta muller camiñaba pola citada rúa. Ao cruzarse con este home o mesmo, sen mediar palabra, propinoulle unha patada. No lugar atopábase unha testemuña, o cal foi preguntado polos axentes sobre o sucedido, indicándolle que efectivamente o home lle propinara unha patada á señora e acto seguido levanto o seu brazo co puño pechado cara á súa cara, berráballe "se tiña algún problema". Preguntado ao suposto agresor sobre estes feitos, manifestou que tropezou cunha señora que lle puxo moi mala cara. Tras un cacheo minucioso polos axentes, atopáronselle dúas navallas de diferentes medidas, a máis pequena, de 8 cm. de folla no pantalón e a outra máis grande, de 10 cm de folla na cazadora. Ao ser preguntado polo motivo polo que as levaba manifestou que era para facer o bocadillo. Así mesmo atopáronselle varias caixas de distintos fármacos, manifestando esta persoa estar a tratamento psiquiátrico. Ante esta situación procederon á incautación das armas e deuse aviso a unha ambulancia do 061 para que o facultativo valorase a situación desta persoa, o cal optou polo seu traslado a un centro médico. A muller manifestou a súa intención de non presentar denuncia. As armas brancas fóronlle incautadas e foi denunciado por portalas estando prohibido sendo denunciado por infrinxir a lei de protección da seguridade cidadá.  

- Ás 16:25 horas do día 29, unha patrulla da Policía Local foi requirida pola Sala do 092 para que acudise á zona das Conchiñas, onde supostamente se estaba a producir unha discusión no interior dun domicilio. Unha vez no lugar, os axentes procederon a chamar á porta do inmoble abrindo a porta unha muller de 35 anos, a cal díxolles aos axentes que minutos antes fora agredida pola súa parella, sendo golpeada na cabeza por el, un home que se atopaba no interior da casa. O varón atopábase na cociña, polo que os axentes procederon á súa inmediata detención, sendo informado dos dereitos que lle asistían en tal condición. O detido presentaba unha erosión nunha das súas fazulas, segundo dixo ocasionada pola súa parella, polo que foi trasladado á Casa do Mar. No domicilio tamén convivían dous menores de 3 e 13 anos, fillos de ambos, os cales quedaron custodiados por unha policía no domicilio ata as 21:00 horas, cando a súa nai terminou as dilixencias de atención sanitaria e denuncia, acompañada dunha patrulla policial, ao non ter familiares que puidesen custodialos durante a súa ausencia. A muller foi trasladada a un centro de saúde para ser atendida das lesións que presentaba, tras o cal foi levada a dependencias policiais. O detido quedou custodiado nos calabozos policías a disposición xudicial sendo denunciado de oficio por un delito de violencia de xénero.

- Ás 07.30 horas. do día 02, unha patrulla da Policía Local trasladouse ata unha vivenda sita na zona do Agra do Orzán, dado que, segundo unha chamada telefónica recibida na Sala do 092, no interior da mesma estábase a producir unha forte discusión entre dúas persoas. Unha vez no lugar, os axentes foron recibidos por unha muller que presentaba rabuñadas recentes nun brazo, que nun estado de gran nerviosismo manifestoulles que estivera na súa casa un home co que mantén unha relación afectiva e que tras unha forte discusión, este a golpeara marchándose a continuación do lugar e levándose, ao mesmo tempo, unhas pertenzas que tiña na vivenda. A muller facilitou tamén o domicilio do presunto agresor polo cal os axentes trasladáronse ata este lugar, onde foi localizado e tras ser identificado e preguntado polo sucedido, foi detido e trasladado ás dependencias policiais. Trátase dun veciño desta cidade de 45 anos de idade. A muller manifestou a súa intención de presentar denuncia e recibir asistencia médica. O detido quedou a disposición xudicial nos calabozos policiais sendo denunciado por un delito de violencia de xénero.

CATRO MENORES IDENTIFICADOS E DENUNCIADOS POR ACTOS VANDÁLICOS (DELITO CONTUINUADO DE DANOS)

Ás 03:01 horas do 20 de novembro, unha patrulla foi comisionada pola Sala Operativa do 092 para que se trasladara á zona de Zalaeta, onde ao parecer, un grupo de mozos causaran danos a varios vehículos estacionados. Unha vez no lugar, a dotación localizou a catro menores e, á marxe deles, a un home falando polo móbil, que resultou ser o requirente do servizo, que lles sinalou aos mozos. Nese mesmo intre, os mozos comezaron a romper os dous espellos retrovisores dun vehículo estacionado e, ao detectar a presenza policial, comezaron a correr cara un parque contiguo, onde foron interceptados en colaboración con outra patrulla que acudiu en apoio. O requirente do servizo indicou a unha das patrullas os vehículos danados, localizando cinco vehículos cos espellos retrovisores rotos e outros danos, aos que se lles deixou unha nota informándolle do sucedido. Os autores dos feitos estaban indocumentados, polo que foron trasladalos ás dependencias da Policía Local, dende onde localizaron aos pais, que se fixeron cargo dos seus respectivos fillos, e foron informados de que serían denunciados por un delito continuado de danos.

DETIDO POR ATENTADO A AXENTES DA AUTORIDADE NO EXERCICIO DAS SÚAS FUNCIÓNS

Ás 05:15 horas do 20 de novembro, unha patrulla detectou como un individuo estaba a realizar pintadas nunha parede da rúa Álvaro Cebreiro, que, ao verse sorprendido, arroxou ao chan o rotulador co que realizaba a pintada e emprendeu a carreira. No momento no que foi interceptado na rúa Galera, esta persoa comezou a insultar gravemente á patrulla e a gravar co teléfono móbil en ton ameazante. Ante as negativas reiteradas a identificarse, a dotación advertiulle de que podería ser detido por desobediencia, momento no que tratou de agredir á patrulla, polo que foi reducido, resultando ferido nunha man uno dos policías. Xa no vehículo policial, este home, de 24 anos, comezou a dar patadas e puñadas contra o habitáculo do turismo polo que, ante a violencia amosada, a patrulla solicitou apoio a outra dotación policial. A segunda patrulla tratou de acougalo para o seu traslado, pero lonxe de depoñer a súa actitude, o mozo golpeou a un dos axentes, lanzándolle varias patadas desde o interior do vehículo. Finalmente, o detido foi trasladado á Casa do Mar co fin de ser atendido polo persoal médico, onde foi necesario reducilo de novo. No mesmo centro médico, dous axentes foron examinados debido ás lesións que presentaban causadas polo detido. Posteriormente, nas dependencias da Policía Nacional, onde foi trasladado, o detido tentou agredir de novo ao axente da Policía Local que o estaba custodiando e ao policía instrutor da Policía Nacional, que resultou ferido na súa man dereita. Por todos estes feitos, o mozo foi denunciado de oficio por un delito de atentado con resultado de lesións a axentes da autoridade no exercicio das súas funcións.

CONTROIS DE CUMPRIMENTO DE NORMAS DE CONVIVENCIA

Ás 03:05 horas do 26 de novembro, unha dotación policial desprazouse a un inmoble da rúa Sinforiano López porque nunha das vivendas se estaban a producir ruídos que perturbaban o descanso veciñal. A patrulla tramitou denuncia ao responsable, un mozo de 20 anos e veciño desta cidade, por infrinxir o artigo 67 da Ordenanza de protección contra a contaminación acústica, ao celebrar unha festa no interior da vivenda xunto a outros 35 mozos, aos que se lles deu a orde inmediata de desaloxo da vivenda.

DETIDO POR UN DELITO DE ROUBO CON VIOLENCIA

- Ás 19:30 horas do 24 de novembro, unha patrulla foi comisionada pola Sala Operativa do 092 para que se trasladase á rúa Manuel Azaña onde, ao parecer, estábase a producir unha liorta entre dous mozos. Xa no lugar, a dotación entrevistouse cun dos mozos que relatou como, ía camiñando pola beirarrúa cando recibiu por detrás unha patada que o fixo caer ao chan, onde continuaron as agresións até que entrou nunha cafetería para refuxiarse. Mentres tanto, o agresor fuxiu do lugar apropiándose do móbil e da gorra do mozo. A dotación localizou ao agresor na contorna e tras dar unha batida, achou os obxectos, que lle subtraera ao mozo, agochados nunha esquina da rúa. O agresor, un veciño desta cidade de 36 anos, foi detido e denunciado de oficio por un delito de roubo con violencia, quedando detido nos calabozos policiais a disposición xudicial.

- Ás 16:31 horas do 25 de novembro, unha dotación trasladouse á rúa Ramón del Cueto onde, ao parecer, tiñan retido a unha persoa que roubara unha mochila a un neno. Xa no lugar, a patrulla localizou a unha persoa que tiña inmobilizada a outra no chan, polo que procedeu a separalo. Unha destas persoas, explicou como, intres antes, mentres ía camiñando pola confluencia da rúa Torre e Curros Enríquez, escoitara como varias persoas gritábanlle a un individuo que corría en dirección ao Campo de Marte cunha unha bolsa de deportes polo que o perseguiu mentres este ía tirando os obxectos da mochila ao chan. Finalmente, interceptouno e pediulle que devolvese os obxectos, pero o ladrón tentou tirar unhas chaves por unha grella da rede de sumidoiros e arrincou o limpiaparabrisas traseiro dun vehículo e tentou cravarllo, á vez que lle ameazaba de morte. Así mesmo, a patrulla identificou a varias testemuñas dos feitos que corroboraron o roubo da bolsa de deportes, polo método do tirón, a un mozo, que estaba na parada de bus, e que, tras o roubo, se ausentou do lugar nun bus. Tras realizar xestións a través da Sala do 092, o mozo, de 13 anos, foi localizado na zona de Catro Camiños, que explicou que se ausentara do lugar por medo a ser agredido. A patrulla detivo ao presunto autor dos feitos, un veciño desta cidade, de 51 anos, que será denunciado de oficio por un delito de roubo con violencia. Así mesmo, tamén se informou a nai do menor e o propietario do vehículo dos feitos ocorridos.

CONTROIS PREVENTIVO-DISUASORIOS DE SEGURIDADE VIARIA

- Ás 05:38 horas do 26 de novembro, unha patrulla interceptou a un turismo na avenida de Buenos Aires, á altura do número dous, e practicou as probas de alcoholemia ao seu condutor ao detectar que presentaba signos de acharse baixo os efectos de bebidas alcohólicas. O condutor, un veciño de Coruña, de 43 anos, arroxou uns resultados positivos de 0.56 e 0.52 mg/l, polo que se lle tramitou a correspondente denuncia administrativa, que lle poderá supoñer unha sanción de 1.000 euros e a retirada de 6 puntos do seu permiso de conducir. O vehículo, da marca e modelo Audi A3, foi inmobilizado e trasladado ao Depósito municipal como medida cautelar de seguridade viaria.

- Ás 05:50 horas do 26 de novembro, unha dotación interceptou un turismo na avenida Alfonso Molina e practicou as probas de alcoholemia ao seu condutor, que arroxou uns resultados positivos: de 0.95 e 0.98 mg/l en aire expirado. O condutor, un veciño da cidade, de 60 anos, foi denunciado no Xulgado de Garda por un delito contra a seguridade viaria, e será xulgado polo procedemento de xuízo rápido o 04.12.2017. O vehículo, da marca e modelo Honda Accord, foi inmobilizado e trasladado ao Depósito municipal como medida cautelar de seguridade viaria.  

- Ás 20:55 horas do 26 de novembro, unha patrulla deu o alto a un turismo, na confluencia do Paseo de Rolda e Ronda de Nelle, e comprobou que o seu condutor non obtivera nunca a licenza para conducir un vehículo a motor, polo que se lle tramitou denuncia por un delito contra a seguridade viaria. O vehículo, da marca Volkswagen, foi inmobilizado e trasladado ao Depósito municipal como medida cautelar de seguridade viaria.

- Ás 00:50 horas do 27 de novembro, unha dotación deste corpo deu o alto a un turismo na avenida Porto e tramitou denuncia ao seu condutor por un delito contra a seguridade viaria, ao conducir coa perda total dos puntos asignados. O vehículo, da marca BMW, foi inmobilizado e trasladado ao Depósito municipal como medida cautelar de seguridade viaria.  

- Ás 00:02 horas do 28 de novembro, unha dotación tramitou denuncia ante o Xulgado de Garda por un delito contra a seguridade viaria, por conducir baixo os efectos de bebidas alcohólicas. O condutor, veciño da cidade, de 25 anos, que estivera implicado nun accidente sen feridos da clase `saída de vía´ na rúa Juan Díaz Porlier, arroxou un resultados positivos de 0.47 e 0.49 mg/l. O vehículo, un turismo da marca e modelo Volkswagen Golf, foi inmobilizado e trasladado ao Depósito municipal, como medida cautelar de seguridade viaria.

Categorías de la noticia

¿Qué te parece esta sección?

-101-101-101

¡Tienes un navegador demasiado antiguo!

Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible

Iniciar sesión