13 de mayo de 2026
A Coruña acollerá o 17 de outubro o único concerto en Galicia da xira de ‘O Cuarto’, o seu novo traballo discográfico
A cita, conducida por Carolina Iglesias, incluirá a proxección dunha peza audiovisual, un coloquio aberto e unha firma de discos que se poderán adquirir exclusivamente no evento
Este xoves, 14 de maio, o Teatro Colón acollerá a presentación oficial de 'O Cuarto', o novo traballo discográfico de Tanxugueiras. Unha xornada de "escoita íntima" e encontro e diálogo nun coloquio moi especial onde Sabela, Olaia e Aida compartirán as historias que atravesan esta nova etapa artística.
O evento, que forma parte da programación da Festa das Letras, arrancará coa proxección da peza audiovisual que acompaña ao disco e que permitirá ás e aos asistentes penetrar no universo narrativo do proxecto antes de dar paso a unha conversa aberta entre Tanxugueiras e o público, quen poderá participar activamente formulando preguntas e compartindo impresións coas artistas.
A velada será conducida pola recoñecida comunicadora galega Carolina Iglesias, quen exercerá de mestra de cerimonias para acompañar a Sabela, Olaia e Aida nunha conversa distendida sobre o proceso creativo e a evolución sonora do grupo. Ademais, nunha aposta polo formato físico e a experiencia presencial, o evento no Teatro Colón será o único punto de venda oficial do álbum durante a súa primeira semana de lanzamento. A xornada concluirá cunha firma de discos.
Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro regresarán á Coruña o 17 de outubro para presentar, no Coliseum da Coruña, o seu álbum 'O Cuarto', co cal celebran os seus anos de traxectoria. O directo, que será a única oportunidade de ver o grupo en directo en Galicia ao longo de 2026, preséntase como un concerto único e exclusivo. As entradas están á venda en Tanxugueiras.com.
Catro xornadas da Festa das Letras
O Concello da Coruña organiza a segunda edición de A Festa das Letras, que arrinca coa escoita de Tanxugueiras e prolóngase ata o domingo 17 de maio, cunha programación que converterá distintos espazos da cidade nun gran escenario para a celebración da lingua e da creación cultural galega.
A programación destaca por contar con grandes referentes da música en galego como Ailá, MJ Pérez, 9Louro, Dakídarría ou Orquestra Bravú Xangai. Ademais, haberá tamén actuacións para o público infantil e actuacións musicais das asociacións coruñesas nos xardíns de Méndez Núñez. A segunda edición da Festa das Letras desenvolverase en espazos emblemáticos como o Campo da Leña, a praza de Azcárraga, os xardíns de Méndez Núñez, o Teatro Rosalía de Castro, o Teatro Colón e o Centro Ágora, conectando prazas, teatros e rúas a través dunha programación común que ten na lingua galega o seu eixo central.
O programa inclúe actuacións musicais de estilos diversos, propostas para público infantil e familiar, foliada tradicional, encontros con artistas e espectáculos escénicos, co obxectivo de achegar a celebración das Letras Galegas a todos os públicos e de poñer en valor a vitalidade da creación cultural en galego. A Festa das Letras consolídase así como unha cita destacada do calendario cultural da cidade, reforzando o compromiso do Concello coa promoción da lingua galega, co apoio ao tecido cultural e coa ocupación do espazo público como lugar de encontro arredor da cultura.
Ademais, o venres celebrarase unha nova edición de AgoraSón Primavera con concerto de Ialma. As invitacións para asistir á actuación só se poden conseguir nas Bibliotecas Municipais da Coruña ao retirar material, tanto de lectura como audiovisual, en lingua galega.
Horarios por xornada
Xoves 14 de maio
Venres 15 de maio
Campo da Leña - Concertos
Praza de Azcárraga - Público infantil
Xardíns de Méndez Núñez - Tradicional
Centro Sociocultural Ágora (con invitación)
Sábado 16 de maio
Campo da Leña - Concertos
Praza de Azcárraga - Público infantil
Xardíns de Méndez Núñez - Tradicional
Domingo 17 de maio
Xardíns de Méndez Núñez
Teatro Colón

13 de mayo de 2026

13 de mayo de 2026

12 de mayo de 2026
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible