21 de junio de 2025
O lendario músico británico fará na Coruña a súa única parada en Galicia
Alan Parsons, o lendario músico, produtor e enxeñeiro de son recoñecido mundialmente, estará este próximo martes 24 no Palacio da Ópera para presentar o seu aclamado espectáculo en directo. As últimas entradas para este evento, único en Galicia, continúan á venda a través do despacho de billetes da praza de Ourense, Ataquilla e a billeteira do propio recinto.
"Desde o Goberno de Inés Rey continuamos a amosar o noso potencial como cidade para acoller eventos de gran relevancia musical e artistas de todos os xéneros e xeracións", indicou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo. Esta actuación supón unha oportunidade excepcional para experimentar a música dun verdadeiro "mestre sónico do rock progresivo", gañador dun premio Grammy. Cunha carreira que abrangue décadas, Alan Parsons comezou a súa andaina nos icónicos estudios Abbey Road, onde traballou como enxeñeiro asistente nos últimos álbums de The Beatles e foi o enxeñeiro do fundamental 'The Dark Side Of The Moon' de Pink Floyd. Como produtor, logrou éxitos notables con artistas como Al Stewart (Year Of The Cat), Pilot, John Miles e Steve Harley.
En 1975, cofundou The Alan Parsons Project xunto a Eric Woolfson, creando unha serie de álbums que definiron unha era, incluíndo 'Tales Of Mystery And Imagination', 'I Robot', 'Pyramid' e o mundialmente famoso 'Eye in the Sky'. Tras a disolución do Project, Parsons continuou a súa carreira en solitario e co Alan Parsons Live Project, levando a súa música a audiencias de todo o mundo.
No concerto da Coruña, no marco do 'The Show Must Go On Tour', Parsons (teclado, guitarra e voces) estará acompañado pola súa banda actual: P.J. Olsson (voz), Tom Brooks (teclados), Guy Erez (baixo e voces), Jeff Kollman (guitarra e voces), Danny Thompson (batería) e Todd Cooper (saxo, percusión e voces). Interpretarán os grandes éxitos da súa carreira nun espectáculo que combina mestría musical e innovación tecnolóxica.
Ademais das súas 13 nominacións aos Grammy e outros galardóns como o Les Paul Award o Grammy ao Mellor Album de Audio Inmersivo (2019), Parsons é autor da serie didáctica 'The Art & Science Of Sound Recording' e participou activamente en causas benéficas como o evento 'One 805 KICK ASH BASH'.

18 de diciembre de 2025

18 de diciembre de 2025

17 de diciembre de 2025
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible