Ayuntamiento de A Coruña

Ayuntamiento de A Coruña

Cuándo:

7 de noviembre de 2015

Xiao Varela: “Non podemos transformar A Vedra nunha autoestrada se queremos que sexa compatible coa vida da veciñanza da zona”

O concelleiro de Rexeneración Urbana sostén que “se realmente houbese unha aposta política”, o vial 18 --que unirá a AP-9 coa Terceira Rolda-- e a Estación Intermodal poderían estar en funcionamento en tres anos, “o que acabaría por aliviar definitivamente o tráfico, que xa descendeu un 10%”

O concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, manifestou hoxe, nunha entrevista concedida a Radio Coruña que o proxecto do Ministerio de Fomento para a ampliación da Avenida da Vedra “non é compatible coa vida dos veciños e veciñas que a rodean”. “Non podemos transformar esa vía nunha autoestrada. Un dos principais problemas que xa ten agora mesmo é a súa sinistralidade, cunha media de dous accidentes ao mes. A nosa intención é pacificar a vía, que os coches se tranquilicen, que non aumenten a velocidade”, dixo, á vez que defendeu que o proxecto do Goberno da Coruña podería rebaixar precisamente os índices de accidentalidade que rexistra a zona. “Ao redor desta avenida hai centros escolares, comerciais, deportivos…os veciños cruzan por pasarelas para peóns, e hai paradas de autobús. Fomento mantenas no seu proxecto, pero empeorándoas. Hai accesos e saídas, como por exemplo os da Universidade ou os do núcleo de Elviña, que tamén se teñen que manter”, explicou. “Se transformamos esta avenida nunha autopista, o que facemos é volver moito máis perigosos todos eses puntos de contacto entre os peóns e os vehículos. Nós queremos que todos eses bordes sexan seguros, que os e as veciñas poidan subir ao transporte público con tranquilidade, ou saír dunha vía”, comentou na entrevista radiofónica.

Por outro lado, tamén recordou que as críticas sobre o ancho dos carrís da proposta municipal para a humanización da Vedra por parte dos técnicos estatais non está xustificada “posto que no seu proxecto hai carrís coas mesmas dimensións, 3,30 metros”.

Varela defendeu que o proxecto do Goberno da Coruña mira a longo prazo, pois aposta por unha mobilidade máis alá do automóbil. Non obstante, asegura que, se ben o tráfico na Vedra xa se reduxo un significativo 10% diario coa entrada en funcionamento da Terceira Rolda, as previsións –ratificadas pola propia DGT—de que a densidade media de vehículos siga a baixar están ligadas a dúas infraestruturas fundamentais: o vial 18 e a Estación Intermodal. “Tanto o concelleiro de Mobilidade SostiblE coma min, que somos técnicos urbanistas, pensamos que a proposta é viable, factible e, sobre todo, ten futuro. A entrada en funcionamento da Terceira Rolda baixou nun 10% as densidades medias de tráfico, e vaino a seguir facendo, con case 10.000 vehículos entre ida e volta no día. O futuro vial 18, conectará esta vía coa saída da AP-9, o que tamén axudará moito a desconxestión, ao igual que a estación intermodal, que este goberno cre absolutamente necesaria. Ademais de todo isto, o Concello aposta por un modelo distinto de transporte urbano e metropolitano que fomente o público. Todos estes parámetros non farán máis que ir reducindo, cada vez máis, o fluxo de vehículos”, sentenciou.

A respecto destes proxectos estratéxicos, o responsable de Rexeneración Urbana indicou que a ministra de Fomento, Ana Pastor, lle asegurou ao Concello que “a intermodal, polo menos todo o que ten que ver coa parte ferroviaria, estará lista en 2018”. “A isto temos que unirlle o proxecto autonómico de mover a estación de autobuses e que nós xa estamos facendo os deberes que nos tocan, como son a elaboración do Plan especial e de accesos para a futura estación intermodal”, comentou Varela, quen afirmou que “non é ningunha tolería pensar que en tres anos podería estar xa funcionando”. “O vial 18 podería estar tamén noutros tres anos, que é o que nos dín, porque o proxecto, como tal, está xa feito. Se Fomento o quixera, podería comezar de seguida con esas obras”, reflexionou. “Se realmente houbese unha aposta política, en tres anos isto podería estar xa listo”, apuntou.

Por outro lado, Varela asegurou sentirse “esperanzado” co proxecto elaborado polo Goberno local. “A cidadanía estase sumando á nosa aposta, está entendendo que non é unha forma de actuar miope. Nas reunións que mantemos, tanto coa veciñanza como con asociacións sectoriais, estamos a conseguir o seu apoio. Tamén temos os parabéns dos técnicos da universidade, da escola de arquitectura, do propio Joan Busquets, que o comentou estes días en prensa…”, enumerou.

Tanto o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, como a titular de Fomento, Ana Pastor, acordaron esta semana a conformación dun equipo de traballo formado por técnicos de ambas administracións para definir o proxecto de remodelación da Vedra.

Categorías de la noticia

¿Qué te parece esta sección?

-101-101-101

¡Tienes un navegador demasiado antiguo!

Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible

Iniciar sesión