16 de febreiro de 2026
O evento, que conta con máis de 1.500 persoas inscritas, chegará á cidade os días 21, 22 e 23 de outubro
A Coruña será, os días 21, 22 e 23 de outubro, a sede do foro de referencia nacional na dixitalización na xustiza, DATAfórum Justicia 2026. Trátase dun encontro para profesionais, expertos/as e interesados/as, que constará de relatorios, mesas de debate, obradoiros prácticos e sesións dirixidas a estudantes, onde se reflexionará acerca dos novos retos da xustiza na era da intelixencia artificial e dos avances tecnolóxicos, e en que se achegará unha mirada humanista e se tratarán cuestións clave, como a ciberseguridade e os dereitos fundamentais. A organización corre a cargo do Concello, do Ministerio da Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes e a Universidade da Coruña, co apoio do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
Reunirase a máis de 1.500 persoas provenientes, principalmente, dos ámbitos empresarial e universitario. Entre as actividades máis destacadas está o DATAthon Xustiza, un reto para o talento novo en que participan estudantes de distintas universidades españolas, organizados/as por equipos multidisciplinares, para desenvolver solucións tecnolóxicas innovadoras ante os desafíos vinculados á xustiza.
Tras o éxito da súa edición de 2025 en León, que reuniu a máis de 40 institucións públicas, 36 empresas tecnolóxicas e 8 universidades, con 168 persoas relatoras e 212 actividades, o DATAfórum consolídase como o principal espazo para mostrar proxectos de dixitalización e fortalecer a colaboración entre as administracións, o sector privado e o mundo académico.
"Para nós é un orgullo ser a sede de proxectos que están á vangarda dos seus sectores. O futuro da xustiza nesta época de cambios estruturais na Administración e no mundo precisa conversacións e debates sosegados e profundos con voces expertas que lles sinalen o camiño aos que veñen detrás, aos estudantes", apuntou a alcaldesa Inés Rey.

21 de febreiro de 2026

20 de febreiro de 2026

18 de febreiro de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible