Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

10 de novembro de 2025

O espazo acollerá actividades como obradoiros artísticos para público infantil e adulto

O Concello finaliza a rehabilitación da Casa Picasso para garantir a súa conservación e abrir o espazo á cidadanía

A alcaldesa Inés Rey visitou o inmoble da rúa Payo Gómez, tras a finalización das obras de mellora estrutural e renovación interior do primeiro andar

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, visitou esta mañá a Casa Museo Picasso, situada no número 14 da rúa Payo Gómez, tras a finalización dos traballos de rehabilitación do primeiro andar promovidos polo Concello. A intervención contou cun investimento de 128.878,88 euros e permitiu conservar o inmoble, mellorar as súas condicións estruturais e adaptalo para o seu uso como espazo cultural ao servizo da cidadanía.

Durante a visita, a rexedora salientou a importancia de actuar sobre o patrimonio público con visión a longo prazo: "Esta obra é unha mostra de como o Concello coida do que é de todas e todos. Recuperamos un edificio municipal para conservalo, melloralo e devolvelo á cidade como un lugar útil e vivo", afirmou Inés Rey quen puxo de manifesto o compromiso do Concello de impulsar A Coruña como cidade picassiana con novas actividades e propostas. 

A actuación levouse a cabo nun inmoble de finais do século XIX que forma parte do patrimonio municipal. Os traballos permitiron resolver deficiencias estruturais, renovar os espazos interiores e adaptar o conxunto aos estándares actuais de seguridade, accesibilidade e funcionalidade. O proxecto foi redactado polos arquitectos José Manuel López Mihura e Sonia Romero Teijo, e executado pola empresa Citanias Obras y Servicios, SLU, baixo supervisión técnica municipal.

A intervención centrouse no reforzo de forxados e elementos portantes, na renovación de revestimentos, carpinterías e instalacións, e na aplicación de medidas de protección pasiva contra incendios. Todo o proceso desenvolveuse respectando os elementos arquitectónicos orixinais do inmoble. Ademais, renovouse o mobiliario. 

O obxectivo do Concello foi asegurar a conservación dun espazo singular e facilitar a súa posta en uso como equipamento cultural de proximidade. Esta actuación insírese na liña de traballo municipal para recuperar e activar edificios públicos en desuso e poñelos ao servizo da cidadanía.

Obradoiros artísticos para todas as idades

A Casa Picasso acollerá nas vindeiras semanas un programa de obradoiros artísticos impartidos pola artista coruñesa Gosia Trebacz, inspirados no diálogo creativo entre Pablo Picasso e Alexander Calder.

Os obradoiros desenvolveranse nunha das salas de obradoiros da Casa Museo Picasso da Coruña, e estarán dirixidos a público infantil e adulto (con sesións diferenciadas). Ofreceranse catro obradoiros en total: dúas sesións para persoas adultas e dúas para nenas e nenos, cunha duración aproximada de 2 a 3 horas cada un.

Durante a actividade, as persoas participantes realizarán deseños personalizados sobre camisetas brancas de algodón, que deberán traer consigo, e crearán esculturas móbiles con arame, xogando coa luz e as sombras. Ao finalizar o programa, inaugurarase unha exposición coas obras finais e o proceso creativo na sala de exposicións da propia Casa Museo Picasso.

A proposta artística conta cun enfoque multidisciplinar e participativo, baseada no diálogo creativo entre dúas figuras fundamentais da arte do século XX. Os obradoiros están deseñados para distintos perfís e ofrecen unha experiencia activa arredor da creación, a pintura, a escultura e a luz. A iniciativa contempla tamén a produción dun audiovisual sobre o proceso, sempre que se dispoña de financiamento para tal fin.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión