15 de febrero de 2026
As poetas Dimitra Christodoulou e Carmen Villar Alonso protagonizarán este encontro literario dirixido por Yolanda Castaño
O ciclo Poetas Di(n)versos, organizado polo Concello e dirixido pola Premio Nacional de Poesía Yolanda Castaño, volve este luns 16 de febreiro ao auditorio do Centro Sociocultural Ágora (20.00 horas), cun novo recital de poesía, que continuarán ata o mes de xuño.
"O Concello promove este ciclo de excelencia, que achega á cidadanía o mellor da poesía nacional e internacional e que enche os espazos municipais co mellor da cultura", sinalou o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro. Nesta ocasión, as letras que se recitarán no auditorio chegarán de Grecia e da migración galega en Suíza, con Dimitra Christodoulou e Carmen Villar Alonso. A cita do vindeiro luns dalle continuidade a un ciclo que trouxo á Coruña o pasado mes de xaneiro ao premio Nobel africano Wole Soyinka, a quen a alcaldesa, Inés Rey, puxo como exemplo de compromiso e liberdade de expresión, e que encheu de público o auditorio do Ágora.
Dimitra Christodoulou naceu en Atenas, estudou Dereito e Filoloxía e traballou ata a súa xubilación como profesora de ensino secundario público. Como poeta que a crítica sitúa na chamada Xeración dos 70 grega, publicou 17 libros de poesía. Tras unha ópera prima en 1974 e unha presenza sostida ao longo das décadas, o seu libro Xusto antes (2005) foi candidato ao Premio Nacional de Poesía de Grecia 2006, galardón que logo acadaría en 2008 polo poemario Limos [Fame]. O pan mínimo da conciencia (2014) gañou o Premio de Poesía 2015 da revista literaria dixital O Anagnóstis [O lector] e máis tarde Vinte e catro golpes e silencio (2019) resultaría finalista do mesmo; Asentamento costeiro (2017) recibiu o Premio Jean Moréas ao mellor poemario publicado en Grecia nese ano.
Membro da Sociedade Grega de Autores/as e traducida como poeta a diversas linguas, publicou tamén un volume de textos en prosa, así como libros de traducións da poesía lírica e dramática da Grecia antiga.
Carmen Villar Alonso (Zürich) Filla da emigración, neta da Raia. É xornalista, escritora e fotógrafa. Como xornalista desenvolve a súa carreira en Faro de Vigo, onde ten a columna de opinión Que din as rumorosas?, finalista do XXII Premio Afundación de Xornalismo Francisco Fernández del Riego en 2025. Un dos seus artigos mereceu o IV Premio Xoán Vicente Viqueira.
Dende 2018 desenvolve o seu segundo proxecto fotopoético diario nas redes sociais dando continuidade a Os mil e un días, escolma desa singradura e o seu primeiro libro individual publicado en Xerais en 2023. Como integrante das Comadres das Letras asina Contármonos (2023) e Cereixas roubadas (2025).
Os seus poemas, relatos e pezas de teatro aparecen en revistas como Dorna, Quiasmo ou Palavra comum, ademais de noutras publicacións como Nativ@s, no que se inclúe íntegro o seu fotopoemario E na Arcadia xea.
A sesión deste luns 16 no Ágora comezará ás 20.00 horas e a entrada será de balde ata completar capacidade. Tamén será posible seguila a través da canle oficial de Youtube de Poetas Di(n)versos.

21 de febrero de 2026

19 de febrero de 2026

17 de febrero de 2026
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible