18 de abril de 2026
As actividades desenvolveranse antes do 3 de maio, último día de apertura da exposición no Kiosco Alfonso
O 3 de maio será o último día da exposición 'Emigrantas: emerxer do silencio' no Kiosco Alfonso e con motivo da súa clausura o Concello ten programadas varias actividades dirixidas tanto ao público familiar como ao público xeral. O obxectivo desta iniciativa é afondar nos contidos da mostra desde unha perspectiva participativa e de mediación cultural. "Os espazos expositivos da cidade son tamén espazos de memoria e desde o Goberno de Inés Rey queremos impulsar, en colaboración con entidades como o Consello da Cultura Galega, accións que permitan á cidadanía coñecer o pasado do noso pobo", indicou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo.
A primeira das actividades será o obradoiro familiar 'Cartografía téxtil para as emigrantas'. Trátase dun obradoiro participativo dirixido a familias no que, a través do traballo con tea e técnicas sinxelas de collage téxtil inspiradas nas pezas de Carmen Arias de Castro, "Mimina", construirase un mapa colectivo de historias reais de emigración vinculadas ás experiencias familiares e afectivas das persoas participantes. A actividade aborda a emigración como experiencia vital, interxeracional e emocional, fomentando a creación colectiva e a transmisión da memoria. Celebrarase o sábado 25 de abril ás 12.00 horas e haberá unha capacidade para 12 familias (cada nena/o virá acompañada/o dunha persoa adulta). A inscrición abrirase o luns 20 ás 10.00 horas en: https://ticketing.coruna.gal/kioscoalfonso/emigratas/
Por outra banda, o sábado 25 de abril e o sábado 2 de maio, ás 18.00 horas, haberá visitas guiadas á exposición. Ofrecerase un percorrido comentado pola mostra, contextualizando as pezas e os discursos expositivos arredor dos procesos migratorios, con especial antención ás experiencias das mulleres emigrantes. A reserva de praza para as visitas poderanse facer no teléfono 981 189 898 (de luns a venres de 8.00 a 15.00 horas) e no correo electrónico: kioscoalfonso@coruna.gal.
Por último, o luns 27 de abril ás 19.00 horas presentarase a revista 'Emigrantas: emerxer do silencio'. Esta publicación está concibida como soporte editorial complementario da mostra. Amplía e contextualiza os contidos expositivos, ofrece lectura especializada e funciona como memoria documental do proxecto, sendo un material esencial para o labor divulgativo e educativo asociado á exposición. A revista recompila historias, testemuños e información biográfica de diferentes emigrantas, permitindo afondar nas experiencias da emigración feminina e poñendo en valor as súas traxectorias e memorias.
'Emigrantas: Emerxer do silencio' é unha mostra organizada polo Consello da Cultura Galega e o Concello da Coruña que propón un percorrido a través de arquivos históricos, fotografías, instalacións artísticas, materiais audiovisuais, cartas, obxectos persoais e testemuños gravados, que permiten reconstruír as múltiples formas de partir, traballar, crear, resistir e retornar das galegas que viviron a emigración. A exposición detense nas experiencias cotiás e colectivas: o traballo, a aprendizaxe, a organización social, os coidados, a escrita e a transmisión da memoria. Ao tempo, pon en valor o labor das investigadoras, historiadoras e creadoras que fixeron posible recuperar estas voces, revisando arquivos, listas de pasaxeiras e percorrendo vilas e territorios de todo o mundo na procura dos relatos das emigradas.

17 de abril de 2026

17 de abril de 2026

15 de abril de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible