Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

10 de outubro de 2020

San Andrés vivirá unha xornada dinámica e de convivencia co peche ao tráfico rodado

O concello repetirá esta medida cada primeiro sábado de mes co fin de rescatar o pasado da rúa e ofrecer máis espazos públicos para o paseo e o lecer

San Andrés vivirá hoxe unha xornada dinámica e sen tráfico, en que a cidadanía desfrutará da oferta comercial dunha rúa que humanizará o Goberno local co fin de rescatar o seu pasado e ofrecer máis espazos públicos para o paseo e o lecer. A primeira tarde sen coches deparará as actuacións da coral polifónica El Eco e unha ruta en patíns organizada polo Club Galicia Rollers. Esta medida repetirase todos os sábados primeiros de mes, das 16.30 ás 20.30 horas, antes de que se someta a unha transformación a modo de bulevar, coa que potenciar a súa actividade e a presenza peonil con máis verde e novo mobiliario urbano.

Para esta peonalización temporal, colocouse sinalización vertical e valado que impedirá acceder en automóbil á zona. Ademais, axentes da Policía Local traballarán de forma continua nos puntos de acceso pola rúa Nova e do Pórtico de San Andrés á rúa San Andrés. Suprimiranse as prazas de aparcamento e os autobuses urbanos desviaranse para non entorpeceren na vía en que os locais comerciais e de hostalaría sairán á rúa cos seus produtos. Deste xeito, a veciñanza poderá coñecer a súa oferta sen necesidade de entrar nas tendas e entre todos os negocios crearán un ambiente festivo.

A coral realizará un "flashmob" pola rúa, coa interpretación de temas ás 18.30 horas, na Estreita de San Andrés con Torreiro; ás 19.00 horas, en San Andrés coa Igrexa Castrense e a rúa Hortas, e ás 19.30 horas, na praza de Santa Catalina. 

Pola súa parte, o Club Galicia Rollers chegará desde O Ventorrillo nun paseo aberto á cidadanía. Para se inscribir na ruta, cómpre confirmar a través de https://www.galiciarollers.com/rutas-y-viajes-2/ xa que a capacidade é limitada polas esixencias do protocolo contra a Covid-19.

O concello pretende que esta rúa emblemática non supoña un lugar de paso, senón o centro de actividade e desfrute como o foi nas súas orixes.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión