Do mesmo xeito que usas o teu DNI para identificáreste para realizar calquera trámite ou xestión presencialmente, a túa identidade dixital permitirache levar a cabo múltiples xestións co Concello da Coruña comodamente dende o teu móbil ou o teu ordenador, no momento que ti queiras e desde calquera lugar.
Mediante o sistema de identidade dixital do Concello da Coruña, poderás utilizar moitos servizos municipais mediante un proceso simple de rexistro a través dunha conta de correo electrónico e/ou utilizando a túa identificación en redes sociais (Google, Apple, Facebook ou Instagram).
Dependendo do nivel de acceso aos servizos municipais poderás utilizar todos os servizos existentes ou só algúns deles.

Dependendo do servizo municipal ao que queiras acceder, necesitaremos dispoñer de maior ou menor información sobre a túa identidade.
Defínense catro niveis de de acceso aos servizos municipais. Cada servizo necesitará un nivel minimo de confianza na identidade do cidadán ou da cidadá e este só poderá acceder ao dito servizo se está identificado/a con ese nivel de acceso ou un superior.
Niveis existentes
Os niveis son os seguintes:
Nivel 1: Baixo
O medio de identificación foi un rexistro mediante correo electrónico ou entrada cunha rede social (Facebook, Google ou Apple). Neste nivel a persoa só asegura que ten acceso ao correo electrónico que proporcionou mantendo o anonimato. Permitiralle facer trámites e xestións nos que non sexa obrigatorio proporcionar datos da súa identidade, por exemplo, informar dunha incidencia ou fochanca na vía pública, solicitar un colector na túa rúa etc.
Nivel 2: Medio
A persoa asociou un número de teléfono móbil coa súa conta verificando que ten acceso a esa liña telefónica. Cada número de teléfono estará vinculado a unha única conta de persoa usuaria. Este nivel non proporciona información sobre a identidade da persoa pero dá unha relativa confianza da súa existencia real. Este nivel permitiralle votar en procesos participativos.
Nivel 3: Alto
Para obter este nivel a persoa terá proporcionado datos persoais que se comproban cos que obran en posesión do Concello. Un exemplo destes datos poden ser o seu DNI, número de Tarxeta Millennium e código postal de empadroamento. Unha vez verificados, a persoa terá acceso aos servizos municipais que presenten información persoal que non sexa de alta privacidade, por exemplo: consultar os seus impostos, ver o estado dos seus trámites etc.
Nivel 4: Total
Neste nivel a identidade real da persoa está comprobada. Pódese obter este nivel acudindo a algunha dependencia municipal para realizar unha identificación presencial ou usando un medio confiable como o sistema Cl@ve, certificado dixital ou DNI electrónico. Unha vez que a túa conta de usuario/a dispoña do nivel 4 poderás realizar todos os servizos municipais dispoñibles como iniciar trámites, presentar documentación, asinar solicitudes etc. Todo isto poderás facelo comodamente dende o teu ordenador ou teléfono móbil ,incluso aínda que non dispoñas de certificado dixital neles.
Que requisitos teño para aumentar o meu nivel de acceso?
Pódome identificar por Internet?
Se dispós de identificación por Cl@ve, Certificado dixital ou DNI Electrónico podes identificáreste por Internet sen terte que desprazar a ningún sitio e en só uns segundos. Obtén máis información na páxina Activación da identidade dixital cidadá .
Podo identificarme presencialmente?
Se non te podes identificar por Internet poderás facelo co teu móbil (Android ou iOS) e realizar a identificación presencialmente. Podes facelo en calquera das Oficinas de rexistro ou nas Bibliotecas Municipais ( Busca a túa biblioteca )
Podo cambiar o meu enderezo de correo electrónico ou móbil unha vez creada a conta?
Si. Unha vez iniciada sesión en Identidade dixital podes cambiar os teus datos de contacto desde o teu perfil de usuario. Este correo non pode estar a ser utilizado noutra conta do concello. Se fose así, entra con esoutro correo e cámbiao para que xa non estea en uso.
Que pasa se non me acordo do contrasinal?
Se tes algunha rede social como Facebook, Google, X ou Apple asociada ao mesmo correo que utilizaches para a túa conta do concello pódeste identificar sen necesidade de lembrar o teu contrasinal.
En caso contrario podes elixir identificáreste recibindo un código no correo electrónico ou un sms no teu móbil (no caso de que introducises o teu número de teléfono móbil no teu perfil).
Podes consultarnos as túas dúbidas por Internet, teléfono ou presencialmente. Elixe o medio que prefiras en Comunícate!
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible