Concello da Coruña

Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

28 de decembro de 2016

O Concello reclamará 591.994,81 euros á empresa concesionaria do elevador e mirador de San Pedro tras “detectar graves irregularidades” nas contas de explotación da concesionaria entre os anos 2010 e 2012

A concelleira de Medio Ambiente, María García, afirma que as contas “presentan as mesmas inconsistencias que as do ano 2013” que xa foron revisadas pola Xunta de Goberno local o pasado mes de xullo co resultado dunha diferenza do 51% entre o déficit alegado e o xustificado.

A Xunta de Goberno local aprobará este venres reclamar á empresa concesionaria da explotación do elevador panorámico e da cúpula do Monte de San Pedro o reintegro da cantidade de 591.994,81 euros, tras revisar as contas da compañía relativas aos anos 2010, 2011 e 2012. Do mesmo xeito, o Concello iniciará o procedemento de revisión de oficio de todos os acordos aprobados pola Xunta de Goberno local en relación ás contas presentadas por Miramar de San Pedro SL e ás partidas abonadas pola Administración municipal deses anos. Así se determinou despois de que a Concellería de Medio Ambiente revisase as contas de explotación da empresa, seguindo os mesmos criterios que empregou para a aprobación das contas de explotación da adxudicataria correspondentes ao ano 2013, que foron aprobadas pola Xunta de Goberno local no mes de xullo deste ano cunha diferencia de do 51% (uns 208.000 euros) entre o déficit alegado pola concesionaria e o xustificado segundo o Concello.

En 2005, o Concello da Coruña formalizou un contrato administrativo coa empresa Miramar pola cal esta asumía a concesión de dominio público destinado á construción e explotación dunha cafetería-restaurante do Monte de San Pedro, así como a prestación dos servizos de vixilancia, limpeza e funcionamento das instalacións municipais do panorámico e o mirador. O prego indicaba que a concesionaria tería dereito a permitir como remuneración as tarifas aboadas polos e polas usuarias tanto do mirador como do elevador. A final de ano, a empresa presentaría ao Concello un informe explicativo, relativo aos custos anuais derivadas do cumprimento das obrigas esixidas en tarefas de vixilancia e limpeza. No caso de que a cifra de explotación fose negativa, o Concello debería cubrir o déficit de explotación resultante. As investigacións postas en marcha polo Goberno local ditaminan que a concesionaria do servizo non xustifica adecuadamente o déficit de explotación dos anos 2010 a 2012, cuxas contas "gozan das mesmas inconsistencias que as do ano 2013", segundo a edil María García.

A titular de Medio Ambiente cualifica de "graves" as irregularidades detectadas nas partidas de limpeza e vixilancia destas instalacións, "o que supuxo un importante custo para as arcas municipais". "As administracións públicas temos a obriga de fiscalizar e asegurarnos de en que se inviste cada euros dos e das nosas veciñas", dixo.

A medida, que será aprobada na Xunta de Goberno local do próximo 30 de decembro,  referenda así a decisión tomada polo mesmo organismo o pasado 1 de xullo, nunha reunión na que, tras a revisión pormenorizada da documentación presentada pola concesionaria --e que foi requirida en numerosas ocasións polo Concello--, se aprobou a conta de explotación do servizo de 2013 e a iniciación do procedemento de reintegro da cantidades percibidas entre 2010 e 2012 --e que do que agora se define o importe por valor de 591.994,81 euros--, ao non adecuarse os gastos facilitados pola concesionaria en relación cos custos de persoal de vixilancia e limpeza aos criterios establecidos pola Concellería de Medio Ambiente o pasado mes de febreiro. Mediante unha resolución, esta indica que, baixo a estimación realizada polo Interventor Xeral do Concello da Coruña, o prezo de mercado do custo da hora de vixilancia para o servizo deberá situarse en 14,05 euros/hora, mentres que, no caso de limpeza , non é posible xustificar a dedicación de 8 horas de limpeza diaria, 350 días ao ano, nas instalacións do elevador e do mirador, tal e como pretendía a adxudicataria do servizo.  

A mesma resolución, que se establece como marco para a análise e estudo das contas de explotación entre os anos 2010 e 2012, indica que "non está suficientemente xustificada a fiabilidade e veracidade de parte dos custos incluídos nas contas de explotación" por parte da empresa, e se apoia nun informe de Intervención de outubro de 2015 que afirma que a documentación entregada pola empresa concesionaria na facturación "non garante que sexan custos que teña que asumir o Concello ao non estar claro as horas dedicadas ó servizo e, polo tanto, tampouco está claro se o prezo é ou non axustado o mercado".  Deste modo, a empresa concesionaria deberá reintegrar ao Concello un total de 234.285,78 euros da cantidade recibida pola conta de explotación do ano 2012; 221.696,91 euros en relación á conta de 2011 e, finalmente, 136.010,12 euros pola de 2010.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión