Con motivo do Día da Biblioteca e para promover a lectura en lingua galega e o préstamo de material audiovisual, o Servizo de Normalización Lingüística, en colaboración coas Bibliotecas Municipais do Concello da Coruña, organiza o AgoraSón 2026, con Icía Varela e Haruna Chatani e A Banda da Loba, en concerto.
Para público en xeral
23/10/2026
Dende o mércores 14 de outubro, entregaranse un máximo de dúas invitacións por carné de socia/o das Bibliotecas Municipais da Coruña (até esgotárense) ao coller libros ou outro material en galego para os levar en préstamo. Comproba o horario de apertura da túa biblioteca municipal de referencia.
As invitacións que sobraron estarán ao dispor pola tarde na biblioteca Ágora.
21.00 horas
120 min aprox.
Centro Sociocultural Ágora. Lugar Gramela 17. 15010 A Coruña
De balde con invitación
Teléfono: 981 189 888
Correo: lingua@coruna.gal
Esta edición do AgoraSón terá como protagonistas A Banda da Loba, Icía Varela e Haruna Chatani.
O Servizo de Normalización Lingüística, o venres 23 de outubro ás 21.00 horas, volve organizar o concerto do AgoraSón outono (co gallo do Día da Biblioteca e para promover a lectura e o emprego de materiais audiovisuais en lingua galega), en colaboración coas Bibliotecas Municipais da Coruña.
A Banda da Loba é un grupo de música galega integrado por cinco mulleres (Xiana Lastra, Andrea Porto, Estela Rodríguez, Iria de Cabo e Paula Rego) que uniron as súas traxectorias individuais para crear un proxecto colectivo. Mesturando pop, blues, folk, rock e sons tradicionais crean un estilo musical de seu, heteroxéneo e singular.
«Bailando as rúas», «Fábrica de luz», «Hasme oír» e «Xabón Lagarta» son os catro traballos discográficos que tiñan publicados ata o ano pasado. En 2025 sacaron «Lovismo».
Recibiron diversos recoñecementos ao longo da súa traxectoria tanto pola súa música como polo seu compromiso social e coa lingua galega. En 2018 gañaron o premio á mellor música galega no certame aRi[t]mar. En 2020 o Premio San Martiño de Normalización Lingüística. En 2025 os premios Alfredo Iglesias, Rebumbio e CREA. Tamén foron finalistas dos Premios Opinión da Música de Raíz, dos Martín Códax da Música, do Concurso Fran Pérez "Narf" e dos Premios MIN da Música Independente.
O amor non foi nunca un tema especialmente tratado por elas, pero tras esta última etapa na que estivo tan presente nas súas vidas por diversos motivos, decidiron explorar e falar sobre el e as súas múltiples formas e expresións. Lovismo é unha declaración de amor, un canto polos amores que son e os que non chegan a ser. Unha aperta ás amigas que aparecen e ás que permanecen. Lovismo é querernos ben. Un bico na meixela cando chove e cando o sol pecha as pálpebras. Lovismo é amor e transformación.
Icía Varela e Haruna Chatani
A pandeireta que une culturas. A cantareira galega Icía Varela e a música Haruna Chatani ofrecen unha proposta artística moi singular na que se mesturan as sonoridades tradicionais de Galicia e do Xapón, creando pontes entre culturas a través do koto (arpa xaponesa) e da pandeireta.
A malpicá -de Cerqueda- Icía Varela é filóloga e unha das voces máis potentes do panorama actual da música tradicional galega. Fundou o grupo Arredores, co que publicou o disco Ecdise (2024). Subiu aos escenarios con SÉS, Mercedes Peón, Xabier Díaz, Caamaño&Ameixeiras, Fillas de Cassandra ou Xosé Manuel Budiño. Como solista, actuou no Festival Intercéltico de Lorient (Francia) e no Celtic Connections de Glasgow (Escocia). En 2025, o ano das Letras Galegas para as cantareiras, lanzou xunto con Xosé Manuel Varela dúas das obras literarias claves en torno a este recoñecemento, Cantareiras e Pandeireteiras, e presentou o seu primeiro disco en solitario, Mens (tributo e agradecemento precisamente ás Velliñas de Mens, unhas das homenaxeadas coas Letras).
A nipona Haruna Chatani chegou a Camariñas a comezos do 2024, con 28 anos, co propósito de aprender español e empapouse de galego. Por aquel entón xa sabía xaponés, inglés, ugandés, camboiano e italiano. En Xapón, estudou Educación e Arte e toca o piano e a ocarina. Ao escoitar a música tradicional galega quixo formarse e fíxoo coa asociación local O Cansorriño, con Icía Varela de mestra de canto e pandeireta. As dúas xuntas realizaron unha xira co nome "A música que nos une, os camiños que nos xuntan".
O evento terá lugar no auditorio do Centro sociocultural Ágora o día 23 de outubro ás 21.00 horas.
A asistencia será de balde, mais precisará a recollida previa de invitación nas Bibliotecas Municipais.
Repartimento de invitacións
Repartiranse as invitacións, ata esgotárense, co préstamo de material en lingua galega (libros, películas, CDs de música etc.) dende o mércores 14 de outubro nas bibliotecas municipais no horario de apertura de cada centro.
Faranse dúas quendas de repartimento:
Consulta os horarios de cada unha das bibliotecas e do Punto de Préstamo de Mesoiro.
Repartiranse dúas invitacións por carné e son sen numerar.
De sobraren invitacións estarán ao dispor o propio día pola tarde na biblioteca Ágora.
Noticias relacionadas
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible