O bodegón (en inglés still life) é un xénero da historia da arte ben coñecido, moitas veces considerado “menor”, e que posiblemente por ese mesmo carácter lles serviu de vehículo de experimentación a aqueles pintores que empezaron a preocuparse pola esencia mesma da pintura e a liberala das cadeas da representación. Non hai máis que pensar nos bodegóns de Gauguin, de Matisse, de Cézanne, ou máis adiante os dos cubistas ou os de Léger, para darse conta disto.
Para público en xeral
06/06/2019
Xa rematou
13:00 h
CGAI - Centro Galego de Artes dá Imaxe. Rúa Durán Loriga 10, Bj. 15003 A Coruña
Esta idea de still life serve así como un modo, dos centos que pode haber, de achegarse á obra dun dos artistas máis ousados á vez que reflexivos que existen (nótese que non se di "cineasta", que non deixaría de ser un termo tramposo ou insuficiente á hora de referirse a Malcolm Le Grice). A idea de still life serve na medida en que Le Grice empeza a súa andaina como pintor, e na medida en que varias das súas obras fan alusión directa a ese xénero e utilízano á maneira dos pintores antes citados para investigar o propio cinema como soporte, desligándose da narración ou do suposto rexistro realista da realidade, para investigar de maneira plástica, reflexiva e performativa iso que coñecemos como cinema. A película é, pois, a propia tira de celuloide ou conxunto de píxeles, non as hipotéticas mazás do bodegón en movemento, e é tamén o que ocorre mentres o espectador a mira, nese "aquí e agora" da proxección na que cada un de nós constrúe a súa propia película.
Esta selección de películas de Le Grice, aínda que breve e parcial, serve para dar conta das múltiples formas que adoptou esas ambicións ao longo do tempo, desde que empezase a experimentar co soporte fílmico nos anos sesenta no seo da soada London Film-makers Co op (na que tivo un papel crucial, non só como artista senón poñendo en marcha o taller no que se producirían moitas das obras da cooperativa), pasando polas súas primeiras experiencias con ordenadores nos setenta, o paso definitivo ao vídeo nos oitenta e a explosión de posibilidades do dixital.
Programa 1
Malcolm Le Grice, Reino Unido, 1965, dobre proxección 8mm a vídeo, 10 min.
O tema era unha natureza morta (un xogo de té chinés negro), filmada de preto, as cámaras movéndose ao redor e a través das cuncas e a teteira. A banda sonora, en cinta, foi feita cun piano preparado (con paíños de madeira inseridos entre as cordas e os martelos), influenciado polo son da música chinesa. (Malcolm Le Grice)
Malcolm Le Grice, Reino Unido, 1967, dobre proxección de 16mm a vídeo, 8 min.
Unha dobre proxección de imaxes de auga caendo na central eléctrica de Battersea transformada por medio da superposición de negativo e positivo creando unha efecto de baixo relevo en movemento.
Malcolm Le Grice, Reino Unido, 1976-77, 16mm, 6 min.
Como o título indica, este é un traballo deliberadamente académico, concibido da mesma maneira na que un compositor faría un "estudo". Non trata sobre a pintura de Cézanne, senón que intenta aplicar certos conceptos relacionados coa relatividade dos puntos de vista cambiantes na observación e o rexistro. Da mesma maneira en que as pinturas de Cézanne rexistran dentro da súa imaxe o problema da estabilización da percepción e a maneira na que os cambios de punto de vista modifican a experiencia espacial, a película usa o time lapse e as exposicións prolongadas para buscar un equivalente fílmico desta estética. (M.L.G.)
Malcolm Le Grice, Reino Unido, 1984, vídeo, 8 min.
Retomando a idea da natureza morta (a froita, o froiteiro) e botando mans tamén de imaxes relativas ao proceso e o contexto (o xardín, o propio Le Grice, un piano), unha película feita cun ordenador Atari, manipulando a cor e a imaxe a través dun programa, que tamén define a secuencia de imaxes e a música producida cun sintetizador MIDI.
Malcolm Le Grice, Reino Unido, 2008, vídeo, 3 min.
A miña experiencia aos catorce anos de idade das pinturas panorámicas a grande escala do xardín de nenúfares de Monet son un recordo artístico crucial para min. Houbo múltiples versións do material que filmei cara a 1984 de nenúfares, xuncos e un estanque. (M.L.G.)
Malcolm Le Grice, Reino Unido, 2004, vídeo, 4 min.
Todos os efectos visuais baratos dun paquete de edición de vídeo e unha banda sonora feita co software gratuíto que viña nun paquete de cereais. (M.L.G.)
Malcolm Le Grice, Reino Unido, 2010, vídeo, 1 min.
A visita a un pequeno café nun canellón de Praga en busca dunha salchicha e de viño conduciume a probar por primeira vez a absenta -ecos de Manet, Degas e Picasso. (M.L.G.)
Malcolm Le Grice, Reino Unido, 2011, vídeo, 30 min.
FINITI é unha forma provisional, deseñada para reter a incerteza e a latencia da interpretación xunto ao compromiso emocional, psicolóxico e intelectual nos momentos fugaces, como en Finnegan's Wake, de Joyce. Espero que calquera interpretación do todo sexa imposible. Representa a experiencia artística por encima das ideas. (M.L.G.)
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible