Concello da Coruña

Concello da Coruña

Axenda | Evento

Opcións

Qué?
Cuándo?
Dónde?
Distancia (metros)
É necesario que proporcione a súa localización actual para usar esta opción

Poetas DI(N)VERSOS Zagajewski - García-Bodaño

A segunda sesión, grazas a colaboración do Instituto Polaco de Cultura desta tempada traenos a dúas das meirandes plumas da poesía galega e polaca respectivamente: Salvador García-Bodaño e Adam Zagajewski; se o primeiro acadara o Premio Xunta de Galicia á Creación Cultural, o segundo foi candidato ao Nobel de Literatura en 2010. Os seus textos soarán sobre o escenario do Ágora en idioma polaco orixinal, seguidos das traducións ao galego preparadas para a ocasión -como vén sendo habitual- pola responsable do ciclo, a poeta e dinamizadora cultural Yolanda Castaño.

A quen vai dirixido:

Para público en xeral

Cando:

02/11/2015 ás 20:30

Xa rematou

Horario:

20.30 h

Enderezo:

Centro Sociocultural Ágora. Lugar da Gramela 17. 15010 A Coruña

Prezo:

Entrada libre, ata completar capacidade.

Documentos:

Dossier Poetas di(n) versos (626 KB)

ADAM ZAGAJEWSKI

O escritor polaco Adam Zagajewski naceu en 1945 na vella Galitzia dos Cárpatos, na cidade de Lvov (ou Leópolis), dentro da actual Ucraína. Medrou no voivodato de Silesia, e licenciouse pola Universidade Jaguelónica de Cracovia. Durante a segunda metade dos anos setenta participou activamente na oposición política ao réxime en Polonia. Exiliado dende 1982, foi coeditor da revista literaria Zeszyty literackie, publicada dende París.

Cabeza visible da chamada “Xeración do 68” polaca, o seu primeiro libro de poemas apareceu en 1972 co título orixinal de Komunikat. Seguíronlle novas entregas líricas en 1975, 1985, 1994, 1999, 2003 ou 2005. É así mesmo autor de traducións, de dous libros de prosas e varios de ensaios. Traducido a multitude de linguas, os seus títulos vertidos ao castelán comezaron co poemario Ir a Lvov (1985), ao que seguiron Lienzo (1990), Tierra del fuego (1994; 2004), Deseo (1997; 2005), Anhelo (1999), Regreso (2003), o libro de memorias En la belleza ajena (2003), Poemas escogidos (2005), Antenas (2007) e o máis recente: Mano invisible (2012). Entre os ensaios cóntase, neste idioma, con Dos ciudades (1995; 2006), En defensa del fervor (2002; 2005) e Solidaridad y soledad (1982; 2010).

Tras pasar dous anos en Berlín e logo en París, dende 2002 reside de volta en Cracovia. Con todo, en 1988 comezou a dar aulas no Programa de Escrita Creativa da Universidade de Houston, e en 2007 converteuse en profesor visitante da Universidade de Chicago. Ten recibido prestixiosas bolsas internacionais como a do Berliner Kunstler Program ou a bolsa Gunggenheim, e galardóns como o Kurt Tucholsky ou o Prix de la Liberté, amais de ter sido nominado ao Nobel de Literatura en 2010. Considerado o máis célebre poeta actual de Polonia, Zagajewski é hoxe un dos autores máis recoñecidos do panorama internacional.

SALVADOR GARCÍA-BODAÑO

Malia ter apenas nacido en Vigo en 1935, Salvador García-Bodaño Zunzunegui é un dos grandes poetas de Compostela de todos os tempos. Alí se formou e, dende a posguerra, veu desenvolvendo unha vizosa actividade cultural, política e literaria.

Constitúe unha das figuras máis representativas e renovadoras do cerne da histórica Xeración das Festas Minervais, dándose a coñecer entre recitais, faladoiros, certames e actos literarios dende finais dos 50. Cofundador da sobranceira Asociación Cultural O Galo, da editorial Escola Aberta e da AELG, presidiu o Ateneo de Santiago de Compostela. Membro numerario do novo Seminario de Estudos Galegos dende 1983, foi tamén cofundador do PEN Club de Galicia, da Asociación de Tradutores en Lingua Galega, do Instituto Galego da Información ou da Fundación Castelao. Procurador dos Tribunais de profesión, é tamén autor de literatura xuvenil e de relatos, así como de ensaios, crítica literaria e de arte, biografías, estudos, traducións e unha extensa labor como columnista dende os anos sesenta ata hoxe. Dende 1992 é académico de número da Real Academia Galega.

Poeta, narrador e xornalista, compilará os seus primeiros poemas no volume Ao pé de cada hora (1967). En 1978 obtén o Premio da Crítica Española cun dos seus títulos fundamentais, Tempo de Compostela, que acadaría distintas edicións. Acompañados de obra gráfica de artistas galegos, seguíronlle 37 debuxos para un país (1985) e Compostela (1989). Obra Poética (1993) recolle toda a súa obra ata a data e inclúe un poemario novo. Máis tarde sairá a plaquette Pegadas no alcatrán (1994, 1995) e, por último, o anovador Cidade virtual (2003). Por esta obra recibiu distincións coma o Premio Xunta de Galicia á Creación Cultural, a Medalla de Ouro e Fillo Adoptivo de Santiago ou a Insignia de Ouro da Universidade de Santiago.

Tamén che pode interesar...

Axenda

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión