Ayuntamiento de A Coruña

Ayuntamiento de A Coruña

Cuándo:

10 de agosto de 2026

Inés Rey: “A Coruña convértese, unha vez máis, na capital da banda deseñada”

A banda deseñada ‘toma’ A Coruña na 29 edición do festival Viñetas desde o Atlántico coa memoria social como eixo

O salón do cómic abre as súas portas coa eclipse como escenario de fondo, máis de 100 propostas culturais e 24 mostras

O festival Viñetas desde o Atlántico abriu a súa semana grande na que 'toma' a cidade enchéndoa con máis dun centenar de actividades, 24 exposicións e cos stands da Rúa BD xa a pleno rendemento. O acto de inauguración, celebrado no Kiosco Alfonso, estivo presidido pola alcaldesa da Coruña, Inés Rey, acompañada polo concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, a responsable de Cultura da Deputación da Coruña, Natividad González, e o director do Viñetas desde o Atlántico, Manel Cráneo.

As xa famosas figuras de decenas de personaxes da banda deseñada como Astérix e Obélix, Spiderman, Batman, Mafalda, Superman, Carpanta ou as últimas incorporacións á colección, Marcopola e Dragoneta, xa protagonizan as fotografías dos/as visitantes das mostras.

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, destacou durante a inauguración que Viñetas desde o Atlántico "leva décadas formando parte da identidade da Coruña" e subliñou que a banda deseñada é "unha das linguaxes culturais máis vivas, máis diversas e máis capaces de conectar con públicos moi diferentes". Rey incidiu tamén en que esta edición reforza o carácter aberto e participativo do certame: "Viñetas é un festival de toda a cidade", afirmou.

No seu discurso, a rexedora puxo en valor a dimensión social e cultural do festival, salientando que "a memoria non é un exercicio de nostalxia" senón "unha responsabilidade", e que a cultura é "un dos mellores instrumentos para exercela". Ademais, lembrou a importancia de achegar o cómic á infancia e ás familias, xa que para moitos nenos e nenas supón "o seu primeiro achegamento á lectura e á cultura". "Desde o Goberno municipal seguiremos apostando por unha cultura accesible, plural, participativa e ambiciosa, porque a cultura non é un complemento: é un dereito, unha ferramenta de cohesión social e unha forma de construír cidade", afirmou.

Pola súa parte, o director do festival, Manel Cráneo, afirmou que esta nova edición do Viñetas segue medrando en 2026 en todos os ámbitos: nas colaboracións con entidades, no deseño e temáticas das ambiciosas propostas expositivas, na calidade e cantidade das actividades, nos lazos tecidos en colaboración co sector da banda deseñada, na aposta polo talento local combinado con autores e autoras de renome internacional... Neste sentido, lembrou que o equipo do salón define con mimo cada ano todos os detalles das propostas para ir sempre un pouco máis aló. Así xurdiron iniciativas como o Viñetas Estudio, que será un espazo adicado ás sinaturas e á creatividade, no que os/as visitantes poderán participar nun mural colectivo.

Durante a inauguración animouse a toda a cidadanía e visitantes a que se convirtan en protagonistas do salón coa súa participación e lembrou a última incorporación ao programa do Viñetas, o tour dos robots Gundam na explanada de Palexco, como un dos puntos que, sen dúbida, máis expectación espertará entre o público.

Máis de 70 autores e autoras estarán na Coruña ata o 16 de agosto para participar en 24 exposicións (que se prolongan ata finais de setembro) e unha ampla programación entre as que se contan obradoiros, charlas, clases maxistrais, pódcasts, espectáculos en directo, visitas guiadas e actividades pensadas para toda a cidadanía -dende pequenos ata adultos- e para público especializado.

Viñetas desde o Atlántico mantén en 2026 as súas principais seccións que acompañan aos visitantes na súa experiencia no festival: Viñetas Expo; Viñetas Mini, con obradoiros diarios para público infantil, unha proxección cinematográfica e unha proposta teatral; Viñetas Show, cun concerto ilustrado, dúas proxeccións, unha obra teatral e dúas xornadas dedicadas a podcasts especializados de Galicia, Madrid e Cataluña; Viñetas Pro, con dúas clases maxistrais e unha sesión de revisión de proxectos para autores/as; un encontro e dúas expos para Viñetas inclusivas e a extensa programación de Rúa BD que conta con 38 casetas entre as que figuran as de 18 editoriais procedentes de todo o estado presentando novidades e dinamizando este espazo vital do festival. Pero ademais, en 2026 incorpórase a nova sección que pon en valor o traballo da Bibliotecas Municipais da Coruña arredor da banda deseñada, Viñetas Biblio.

Amplísima oferta expositiva

A edición abriuse da man da colaboración dos Museos Científicos Coruñeses, coa expo que adiantou a eclipse na Coruña coas viñetas máis artísticas na expo 'Eclipse de Viñetas', na que dez autoras e autores locais Xulia Pisón, Diego Burdío, Paula Esteban, Uxía Larrosa, Xulia Vicente, Jorge Peral, Marcos Calo, Luis Yang e Paula Mayor, con Jordi Bayarri como autor convidado) reinterpretan dende a súa mirada a historia científica e artística das eclipses.

Dende xullo está aberto un dos recintos que máis público recibe sempre no Viñetas; a sala municipal de exposicións de Palexco é a sede das mostras de Jacobo Fernández e da colección de Raúl García. Na primeira delas percorreremos o universo persoal do creador da illa remeira máis coñecida da banda deseñada en España. Esta mostra conta tamén coas dúas novas figuras que se incorporaron á colección do salón: Marcopola e Dragoneta. Mentres, na exposición 'Un paseo por Springfield. Os Simpsons na colección de Raúl García', lévanos da man a unha mostra de merchandising e libros dos cómics da famosa serie, con algúns debuxos orixinais e dedicatorias do propio Matt Groening. Raúl García traballou en varios capítulos da serie norteamericana e foi o primeiro animador español en traballar para Disney.

O Kiosco Alfonso como escenario do cómic de memoria social

Xusto a carón, no epicentro do festival, o espazo expositivo do Kiosco Alfonso énchese cunha ampla representación de obras de autores e autoras internacionais e estatais unidos por un nexo: a memoria democrática e social. Así, os/as visitantes poden gozar na planta baixa da mostra centrada na Loita sindical e feminista europea coas obras 'La virgen roja' e 'Sally Heatchcoat sufragista', de Bryan Talbot e Mary M. Talbot e 'Jiujitsufragistas', de Lisa Lugrin e Clément Xavier; e na primeira planta, a mostra 'Memoria democrática e social na España do século XX' coas obras 'O eco dos días rotos', de Alberto Taracido; 'Que el fin del mundo nos encuentre bailando' e 'La piel como única bandera', de Sebas Martín; o xa histórico 'Paracuellos', de Carlos Giménez; 'Aquí donde estoy', de Tyto Alba e María Castro, e 'Caridad del Río', de Pep Brocal.

O programa expositivo complétase coas mostras de Miguel Robledo -autor do cartel desta edición- en María Pita; 'Humanos, a Roya é un río', dos franceses Troubs e Baudoin, na Casa Museo Picasso; os premios Castelao na Casa da Cultura Salvador de Madariaga, 'Elas son fantásticas', autoras galegas de banda deseñada deste xénero, no mesmo espazo; a exposición de ExpoFanzines de Autobán, na Biblioteca de Estudos Locais; 'Stons', de Xulia Pisón, na Casa Museo María Pita; unha exposición bibliográfica nas Bibliotecas Municipais, 'Trazos de memoria', e a incorporación da Fundación Luis Seoane como nova sede do festival coa expo 'Cómic palestino. Voces propias. Grito colectivo'. Cómpre destacar a incorporación da Casa Museo Casares Quiroga como sede de mostras vencelladas á memoria histórica que, nesta ocasión alberga 'La guerra civil' de Paul Preston, mostra que recolle o exitoso traballo de adaptación á banda deseñada das obras do historiador británico realizada polo autor José Pablo García.

Ademais diso, o Viñetas paralelas de 2026 conta con cinco sedes colaboradoras: o Circo de Artesáns, cunha expo de colectivos de banda deseñada portugueses, o Bar 13, con Óscar Lojo, a Pulpeira de Melide, con unha expo 'Pulpos de cómic', a cervezoteca Malte con 'Amair', e Tranvía, con unha exposición de Fento Studio.

Máis de 100 actividades para todos os públicos

Especialmente rica é neste Viñetas 2026 a extensa programación de actividades pensadas para todas as idades e intereses e que se distribúen entre as distintas seccións do festival. Más de 100 propostas entre as que se contan obradoiros, cine, teatro, charlas, visitas guiadas, gravación de podcasts, espectáculos radiofónicos, un concerto ilustrado, encontros con autores e autoras, sinaturas e maratóns de debuxo.

Moitas destas propostas son parte central da programación da Rúa BD, que se abriu hoxe, con 38 stands que ocupan librarías, editoriais e entidades diversas entre as que se conta o papel central das Bibliotecas Municipais. Este espazo, ubicado diante do Kiosco Alfonso, será sen dúbida, o epicentro da actividade do festival nesta semana.

Entre esta apertada axenda destacan, a revisión de proxectos coa colaboración de editoriais, con convocatoria xa aberta a través dun formulario para calquera debuxante interesado/a, e os podcasts que se gravarán durante a semana do festival coa colaboración de 'Campamento Kripton', 'El diario de Kovacs', 'Freakland' e 'El Nicho'.

Toda a programación pode ser consultada en www.vinetasdesdeoatlantico.com.

¿Qué te parece esta sección?

-101-101-101

¡Tienes un navegador demasiado antiguo!

Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible

Iniciar sesión