25 de febrero de 2026
A cita automobilística contará cun tramo urbano inédito no entorno do castelo de San Antón e once especiais cronometradas pola comarca
A cidade converterase esta fin de semana no epicentro do automobilismo coa celebración do 30º Rallye da Coruña, unha edición histórica que supón o salto internacional da proba ao integrarse no calendario do Tour European Rally (TER) e TER Historic 2026, compartindo programación con citas de referencia en países como Italia, Portugal ou Suíza.
A proba disputarase entre o venres 27 e o sábado 28 de febreiro e abrirá oficialmente o calendario europeo do TER. Este novo fito consolida o crecemento sostido do rallye coruñés tras unha década formando parte do Campionato Galego e proxecta a imaxe da cidade no panorama deportivo internacional.
O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, puxo en valor a dimensión que acada este evento para a cidade e para o deporte base e profesional, salientando que "A Coruña volve situarse no mapa europeo do motor cunha proba que combina espectáculo, seguridade e impacto económico para a cidade". A maiores, destacou que a previsión da chegada de milleiros de amantes dos rallys nesta cita histórica suporá un importante retorno económico e reforzará a proxección da cidade a nivel internacional.
A saída oficial terá lugar no entorno de O Parrote, recuperando así un dos espazos máis emblemáticos da cidade como punto neurálxico da competición. O venres desenvolverase o habitual 'shakedown', que nesta edición modifica o seu sentido respecto ás últimas tempadas, ofrecendo un percorrido técnico que arrincará na zona da Cabana.
Un dos grandes atractivos será o tramo urbano inédito, de pouco máis dun quilómetro, que transcorrerá polas inmediacións do castelo de San Antón, o hospital Abente y Lago e a contorna da torre de control marítimo. Miles de afeccionados poderán seguir practicamente na súa totalidade este trazado, chamado a converterse nun dos momentos máis espectaculares da fin de semana.
O sábado concentrarase o groso da competición, con once especiais cronometradas que percorrerán distintos concellos da comarca. O tramo de Betanzos-Coirós combinará zonas rápidas cunha parte máis estreita e deslizante; Aranga volverá ser un punto clave, especialmente na zona de Ponte Aranga e no ascenso cara a Montemeá; Oza-Cesuras presentará novidades no seu sector final e obrigará aos equipos a afrontar un esixente bucle sen asistencia; Cerceda poñerá a proba a regularidade dos pilotos cos seus constantes cambios de ritmo; e A Laracha-Culleredo, o máis rápido da cita, decidirá boa parte das diferenzas finais.
A cerimonia de saída celebrarase o venres ás 19.00 horas no Parrote, que será tamén o escenario do tramo urbano Castelo de San Antón, previsto para as 20.10 horas. O sábado a competición arrincará ás 8.30 horas desde o C.C. The Style Outlets e prolongarase ao longo da xornada con once especiais cronometradas, estando prevista a chegada do primeiro participante ao parque pechado final na praza de María Pita ás 20.30 horas.
O parque de asistencia situarase nas instalacións de The Style Outlets, en Culleredo, mentres que os reagrupamentos terán lugar en concellos como Betanzos, o que permitirá distribuír a actividade da proba por distintos puntos da comarca e contribuír ao impacto económico do evento no territorio.
A celebración desta trixésima edición consolida a aposta pola organización de grandes eventos deportivos na cidade, no marco da estratexia de proxección exterior impulsada polo Goberno de Inés Rey, que continúa reforzando o posicionamento da Coruña como sede de referencia para competicións de ámbito internacional.

24 de febrero de 2026

22 de febrero de 2026

21 de febrero de 2026
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible