19 de agosto de 2026
A clasificatoria do sábado estrea un novo formato contrarreloxo, coa saída das traiñeiras de dúas en dúas
A 40ª edición masculina e a 10ª feminina disputaranse os días 22 e 23 de agosto na enseada do Orzán
A Coruña acollerá esta fin de semana, os días 22 e 23 de agosto, unha nova edición do Trofeo Teresa Herrera de Traiñeiras, unha das citas tradicionais do calendario do remo galego que este ano celebra un dobre aniversario: a 40ª edición da competición masculina e a 10ª da feminina.
O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, participou hoxe na presentación da proba xunto ao vicepresidente da Asociación Liga Noroeste, Federico Díaz. A competición, organizada polo Concello da Coruña e a Federación Galega de Remo, terá como escenario a enseada da praia do Orzán.
Vázquez destacou a importancia de que a cidade continúe acollendo unha competición cunha longa traxectoria e estreitamente ligada ao mar. "Chegar ás 40 edicións na categoría masculina e ás 10 na feminina demostra o arraigamento que ten o Teresa Herrera e a súa importancia dentro do calendario deportivo da cidade, unha proba que une deporte, tradición e a identidade mariñeira da Coruña", sinalou o concelleiro.
Unha das principais novidades desta edición estará na xornada clasificatoria do sábado, que manterá o formato contrarreloxo pero introducirá un cambio na saída das embarcacións. As traiñeiras competirán de dúas en dúas, en dous carreiros, cun minuto de diferenza entre saídas. A competición comezará ás 17.30 horas coa categoría feminina e continuará ás 17.50 e ás 18.15 horas coas dúas quendas masculinas.
"Este novo formato permitirá facer a clasificatoria máis dinámica e atractiva para o público, mantendo ao mesmo tempo a esixencia deportiva da contrarreloxo e ofrecendo un maior espectáculo ás persoas que se acheguen ao Orzán", apuntou Vázquez.
As finais disputaranse o domingo 23. Ás 11.20 horas terá lugar a tradicional ofrenda aos homes e mulleres do mar e, dez minutos despois, ás 11.30 horas, comezará a final feminina. As dúas quendas da final masculina celebraranse ás 12.00 e ás 12.30 horas. A entrega de trofeos está prevista para as 13.00 horas. A final manterá o formato clásico do Teresa Herrera, cun percorrido de tres millas, catro longos e tres ciabogas.
Unha edición especial tamén polas bandeiras
A edición deste ano contará ademais cun aliciente especial. A bandeira masculina en xogo corresponde á edición de 2024 e o Club de Remo Chapela, gañador das dúas categorías en 2025, poderá facerse con ela en propiedade se consegue repetir o triunfo na proba masculina. A normativa establece que un club obtén a bandeira en propiedade ao gañala durante dous anos consecutivos ou tres alternos.
Na categoría feminina estrearase unha nova bandeira creada para este 2026, coincidindo coa décima edición do trofeo feminino.
O concelleiro de Deportes convidou a coruñesas, coruñeses e visitantes a seguir a competición desde a contorna do Orzán. "Queremos que este dobre aniversario sexa tamén unha celebración coa cidadanía e que o Orzán volva ser un punto de encontro arredor dun deporte profundamente vencellado á cultura marítima galega e á historia da nosa cidade", concluíu Vázquez.

20 de julio de 2026

7 de julio de 2026

2 de julio de 2026
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible