Ayuntamiento de A Coruña

Ayuntamiento de A Coruña

Cuándo:

25 de septiembre de 2026

A carreira reforza nesta edición o seu compromiso coa igualdade, a saúde das mulleres, a loita contra a violencia machista e o apoio a diferentes iniciativas sociais e solidarias

A Coruña prepárase para unha nova Marea Rosa coa celebración este domingo da Carreira da Muller

A concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa, participou hoxe na presentación dunha proba que volverá reunir a miles de mulleres nas rúas da cidade

A Coruña acollerá este domingo 27 de setembro unha nova edición da Carreira da Muller, unha das citas deportivas e sociais máis multitudinarias do calendario da cidade, que volverá converter as rúas coruñesas nunha gran Marea Rosa coa participación de miles de mulleres de todas as idades.

A concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa, participou hoxe na presentación da proba xunto a representantes da organización e das diferentes entidades e colectivos implicados nesta edición.

Canosa destacou a evolución experimentada pola participación feminina no deporte nas últimas dúas décadas. Cando a Carreira da Muller naceu, no ano 2004, as mulleres representaban menos do 7 % das persoas que participaban nas carreiras populares, unha porcentaxe que hoxe se achega ao 40 %. "Detrás desta evolución hai mulleres que abriron camiño e outras que decidiron seguilo", sinalou a concelleira, que destacou o papel deste tipo de iniciativas para conquistar espazos tradicionalmente masculinizados.

Neste sentido, Canosa puxo especialmente o foco nas xeracións máis novas. "Queremos que as nenas medren sabendo que non hai deportes, profesións ou responsabilidades que non sexan para elas", apuntou. Para a concelleira, esa transformación debe ir acompañada tamén da acción das administracións públicas, porque "a igualdade constrúese con dereitos, recursos e servizos públicos que permitan ás mulleres vivir con liberdade e autonomía".

Deporte, saúde e compromiso social

A Carreira da Muller volverá combinar a práctica deportiva coa sensibilización arredor de diferentes realidades que afectan ás mulleres. Unha delas será a violencia machista, coa presenza un ano máis do 016 nos dorsais das participantes.

"Ningunha muller que estea sufrindo violencia debe sentirse soa", subliñou Canosa, quen lembrou a responsabilidade das institucións de garantir recursos, protección e alternativas ás vítimas.

A saúde das mulleres será outro dos eixos da cita, que mantén o seu compromiso coa sensibilización, a prevención e a investigación arredor do cancro de mama e que nesta edición volverá contribuír á visibilización do cancro de mama metastásico.

A dimensión social e solidaria estará tamén moi presente. Na presentación participaron representantes de ACNUR, ACADAR, Semilla para el Cambio, Auga Dragon Boat e Bolboretas Coruña, entidades e iniciativas que traballan desde diferentes ámbitos relacionados cos dereitos, a inclusión, a saúde, a autonomía e as redes de apoio entre mulleres.

"Non todas as mulleres parten do mesmo lugar nin atopan as mesmas dificultades", sinalou Canosa, que reivindicou a importancia de construír unha igualdade que teña en conta as diferentes realidades das mulleres e que permita "avanzar sen deixar a ningunha atrás".

Nesta edición, a organización destinará integramente a ACADAR a recadación obtida a través dos dorsais solidarios e realizará unha achega de 1.200 euros a Semilla para el Cambio para apoiar os seus programas de empregabilidade e autonomía económica de mulleres en situación de vulnerabilidade.

Homenaxe a Adiaratou Iglesias

Unha das protagonistas desta edición será a atleta paralímpica galega e colaboradora de ACNUR Adiaratou Iglesias, á que a Carreira da Muller renderá unha homenaxe na saída.

Durante a presentación deuse a coñecer tamén Adi, filla da luz, o documental impulsado por ACNUR e protagonizado pola deportista, campioa paralímpica dos 100 metros e medalla de prata nos 400 metros nos Xogos de Toquio 2020.

"Adi é un exemplo de como abrir camiño fronte ás barreiras", destacou Canosa. A concelleira incidiu especialmente no valor que referentes coma ela teñen para as máis novas, "para que poidan mirala e pensar que elas tamén poden chegar moi lonxe".

Saída ás 10.00 horas desde Riazor

A Carreira da Muller partirá este domingo ás 10.00 horas da avenida de Bos Aires, nas inmediacións do Complexo Deportivo de Riazor. As participantes completarán un percorrido de 6,3 quilómetros polas rúas da cidade antes das actividades posteriores á proba.

A Feira da Corredora instalarase previamente no Palexco e abrirá o venres de 16.00 a 20.00 horas e o sábado de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 19.00 horas. Neste espazo poderanse recoller os dorsais e estarán dispoñibles as últimas inscricións para participar na carreira.

Canosa animou as coruñesas a participar e a cidadanía a acompañar as corredoras ao longo do percorrido. "Este domingo veremos miles de mulleres con diferentes idades, historias e ritmos avanzando na mesma dirección", expresou a concelleira, para quen esa imaxe representa tamén unha aspiración colectiva: "que cada muller poida avanzar ao seu ritmo e que ningunha quede atrás".

¿Qué te parece esta sección?

-101-101-101

¡Tienes un navegador demasiado antiguo!

Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible

Iniciar sesión