31 de xullo de 2026
As entradas para o partido entre o Deportivo e o Real Madrid xa están á venda para o público xeral e o Museo do Dépor acollerá unha exposición sobre a historia do torneo
A alcaldesa, Inés Rey, presidiu hoxe no Palacio Municipal a presentación da edición 2026 do Trofeo Teresa Herrera, unha cita que cualificou como "unha das máis especiais dos últimos anos" ao coincidir co 120 aniversario do Real Club Deportivo, o regreso do equipo á Primeira División e a celebración da eclipse total de Sol do vindeiro 12 de agosto.
Durante o acto, no que tamén participaron o concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez; o conselleiro do Real Club Deportivo, Carlos Ballesta; e o presidente da AFAC, Juan Carlos Vázquez Veras, a alcaldesa destacou que o Teresa Herrera "forma parte da identidade da Coruña" e subliñou que o Concello continúa apostando por un torneo que "non pertence só á historia, senón tamén ao futuro".
Nesta edición, o Deportivo masculino enfrontarase ao Real Madrid nun encontro que reunirá aos dous clubs que máis veces conquistaron o Trofeo Teresa Herrera, un cartel especialmente simbólico no ano en que a entidade coruñesa celebra o seu 120 aniversario.
As entradas para o encontro xa están á venda, tanto para as persoas abonadas como para o público xeral. Ademais, durante a semana do Teresa Herrera, o Museo do Dépor acollerá unha exposición temporal dedicada á historia do torneo, cun percorrido polos seus case oitenta anos de traxectoria.
A alcaldesa tamén destacou a proxección internacional desta edición, que contará coa presenza do Deportivo, o Real Madrid e o Futebol Clube do Porto e será retransmitida por Televisión Española e pola Televisión de Galicia, contribuíndo a situar novamente A Coruña no foco informativo e deportivo.
Dispositivo especial de mobilidade para a xornada da eclipse
O Concello leva meses preparando un operativo específico para compatibilizar a celebración da eclipse total de Sol e a disputa do Trofeo Teresa Herrera, dous acontecementos que converterán A Coruña nun dos principais puntos de atracción do país o vindeiro 12 de agosto.
Con este obxectivo, poñerase en marcha un dispositivo especial de transporte público que funcionará desde as 16.30 horas cun servizo lanzadeira cada dez minutos entre os aparcadoiros disuasorios e a praza de Pontevedra. O percorrido partirá do Campus da Zapateira e realizará paradas nos campus universitarios, Espazo Coruña, o aparcadoiro do Birloque e Lonzas, facilitando o acceso ao estadio de Riazor. Ao remate do encontro, o servizo realizará o percorrido inverso para favorecer o regreso das persoas asistentes. O Concello recomenda planificar con antelación os desprazamentos e priorizar o uso do transporte público durante esa xornada.
O Teresa Herrera feminino e o Mini Teresa Herrera
Ao día seguinte disputarase o Teresa Herrera feminino, que enfrontará ao Deportivo co Futebol Clube do Porto, un dos clubs de referencia do deporte portugués. A alcaldesa destacou a importancia de seguir impulsando o fútbol feminino e lembrou o papel que desempeñan os referentes deportivos para que máis nenas vexan no deporte un espazo de oportunidades e igualdade. Tamén anunciou que cada entrada adquirida para este encontro permitirá visitar gratuitamente o Museo do Dépor ata o vindeiro 30 de setembro.
Durante a presentación tamén se puxo en valor o Mini Teresa Herrera, organizado pola AFAC, como unha cita que promove o deporte base e achega ás novas xeracións os valores do fútbol.
A alcaldesa concluíu asegurando que esta edición reúne "o 120 aniversario do Deportivo, o regreso á Primeira División, o reencontro co Real Madrid, o duelo internacional fronte ao Porto, a eclipse e a historia dun torneo que segue emocionando case oitenta anos despois", e afirmou que "A Coruña volverá demostrar a súa capacidade para organizar grandes acontecementos e proxectarse ao mundo".
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible