27 de septiembre de 2025
A programación, que se desenvolverá en espazos tan singulares como o Planetario ou a capela de San Eduardo de Palavea, contará coa participación de artistas como Félix Kubin, Clothilde e Carme López
O Concello colabora na organización da oitava edición do Modulartec, un encontro de síntese modular que se volverá realizar na Coruña a vindeira semana, os días 2, 3 e 4 de outubro, cunha aposta pola visibilización da música electrónica e experimental en espazos singulares e de gran valor patrimonial.
Concertos, obradoiros e actividades paralelas converterán a cidade nun espazo de descubrimento para a música electrónica creada mediante sintetizadores modulares e analóxicos, que lle ofrecerá ao público experiencias únicas en enclaves históricos. Nesta edición, o festival desenvolverase na Fundación Luís Seoane, no Planetario da Casa das Ciencias, na Igrexa das Capuchinas, na Igrexa da Orde Terceira de San Francisco e na Capela de San Eduardo de Palavea.
A entrada será de balde ata completar a capacidade, agás a xornada inaugural do xoves no Planetario, coa actuación dos Poupées Electriques, que require reserva previa a través de Enterticket, da páxina web do festival ou da propia Casa das Ciencias.
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, convidou a cidadanía a non perder detalle da programación do Modulartec, que contará coa participación de artistas galegos, nacionais e internacionais, profesionais de diversas vertentes e estilos da música electrónica experimental.
Haberá tempo para gozar de artistas como a portuguesa Clothilde, do dúo Ego Death e dun dos grandes nomes da experimentación europea, o alemán Félix Kubin. "E ademais, contaremos con representación da nosa terra: entre eles, o artista visual Mahoney e tamén Carme López, que interpretará o seu álbum Quintela, escollido como un dos mellores discos de ambiente deste ano, con prestixio internacional e que está a soar nos mellores festivais de electrónica de Europa", apuntou Castro.
Toda a información desta edición do Modularte está dispoñible na súa web oficial.

18 de enero de 2026

16 de enero de 2026

16 de enero de 2026
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible