3 de febrero de 2023
O Concello organiza máis de 30 actividades para renderlle homenaxe ao pintor no 50 aniversario da súa morte
Esta programación está dirixida por Rosario Sarmiento e comezará o martes 7 de febreiro con ‘Fernande Olivier, Eva Gouel, Gaby Depayre. Primeiras amantes/amores en Montmartre’
A Fundación Luís Seoane únese ás actividades da 'Celebración Picasso 1973-2023' organizadas polo Concello da Coruña para conmemorar o 50 aniversario da morte do artista cun ciclo de conferencias que afonda nos vínculos do pintor coas mulleres coas que conviviu. Dirixido pola crítica de arte, comisaria de exposicións e xestora cultural Rosario Sarmiento, 'Amantes, musas e modelos. Picasso e as súas mulleres' fai un percorrido pola historia, moitas veces tumultuosa, dunha serie de relacións que, alén do ámbito privado, deixaron a súa pegada na obra do artista máis importante do século XX.
O martes 7 de febreiro, ás 20.00 horas, Rosario Sarmiento inaugurará o ciclo coa conferencia 'Fernande Olivier, Eva Gouel, Gaby Depayre. Primeiras amantes/amores en Montmartre', á que seguirán seis intervencións ata o mes de setembro centradas en Olga Koklova, Marie-Thérèse Walter, Dora Maar, Françoise Gilot e Jacqueline Roque respectivamente. Por último, o 25 de outubro, coincidindo coa data de nacemento de Pablo Picasso, o escritor, investigador e comisario de exposicións Jorge Blasco, xunto con Silvia Domènech, xefa de Coñecemento e Investigación no Museo Picasso de Barcelona, pecharán o ciclo cunha mesa redonda.
III Congreso Internacional de Educación Artística
A programación que o Concello da Coruña lle dedica ao Ano Picasso na Fundación Luís Seoane completarase no mes de setembro coa programación do III Congreso Internacional de Educación Artística, que lembrará a participación de Luís Seoane no ano 1949 no Congrès Mondial des Partisans de la Paix en París, e no Congreso Internacional da Integración das Artes en Londres. No primeiro coñecerá a Picasso, e na capital británica, aos artistas Lucien Freud e Henry Moore.
'Celebración Picasso 1973-2023'
A cidade será unha das sedes, xunto a Málaga, Barcelona, Madrid e Bilbao, da conmemoración do 50 aniversario do falecemento do artista. Picasso viviu na Coruña entre 1891 e 1895, dos 9 aos 13 anos. Esta foi unha estadía clave na súa formación como artista, xa que desta época datan as súas primeiras pinturas e as súas primeiras exposicións. Os actos procuran non só reivindicar a cidade como eixo da influencia na arte de Picasso, senón poñer o foco na importancia da educación nas artes a temperá idade.
A programación está formada por exposicións, conferencias, congresos e actividades para todas as idades, que se desenvolverán de febreiro a decembro na cidade. Un dos actos principais será a exposición 'Picasso branco no recordo azul', que se poderá visitar no Museo de Belas Artes de marzo a xuño e que promoven o Concello e a Xunta de Galicia. O Quiosco Alfonso tamén será unha das sedes desta homenaxe coa mostra 'En pretérito seguinte', na que os artistas contemporáneos da cidade amosarán a súa inspiración na paisaxe e na vida na Coruña de hoxe.
Outro dos escenarios centrais, ademais da Fundación Luís Seoane será a Casa Museo Picasso, na que o Concello executará este ano traballos de reforma dun dos andares. Alí haberá tres actividades repartidas ao longo do ano. Por unha banda, a exposición 'Abrindo a nosa colección', que se dividirá en tres etapas (de decembro a xaneiro, de febreiro a abril e de agosto a outubro) e amosará documentos e obras que forman parte da colección e arquivo municipal e fondos da biblioteca da Asociación Pablo Picasso relativos á súa etapa coruñesa. A partir do 28 de abril e no contexto da programación do Encontro Mundial de Humoristas 2023, levarase a cabo a mostra 'O Guernika, unha viñeta universal - Humor na escuridade'. Por último, a exposición 'A miña casa' estará dispoñible de outubro a decembro e amosará o traballo de ilustradores de Coruña Gráfica rendéndolle homenaxe a Pablo Picasso.
Outra exposición dedicada a Picasso será 'Pablo Ruiz en mi', de abril a maio en Palexco, do artista cubano Nelson Villalobo. A programación complétase con actividades didácticas para todas as idades, o impulso e a visibilidade da creación contemporánea na cidade a través dun Festival Internacional de Muralismo ou unha curtametraxe sobre a 'Torre de Caramelo', denominación que empregaba Picasso para describir a Torre de Hércules
18 de mayo de 2024
17 de mayo de 2024
17 de mayo de 2024
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible