2 de agosto de 2025
O evento contará con algúns dos mellores ilusionistas do mundo
A novena edición do Festival Internacional de Ilusionismo de Galicia, coñecido como Galicia Magic Fest, celebrarase os días 27 e 28 de decembro no Teatro Colón da Coruña. As entradas para este evento xa están á venda a través do despacho de billetes da praza de Ourense e de Ataquilla.
"Desde o Goberno de Inés Rey seguimos apostando por eventos de grande éxito nos nosos espazos culturais, como é o caso desta gala de ilusionismo que enche o Teatro Colón cada Nadal", indicou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo. O evento contará con algúns dos mellores ilusionistas do mundo nunha gala internacional única con magos de diferentes países que contan cos premios máis prestixiosos do sector.
O ilusionista galego Pedro Volta é o director e ideólogo desta gala e formará parte do elenco desta edición xunto a Juliana Chen, Stuart Macdonad, Mirko Callaci e Magus Utopia. Volta foi finalista do programa televisivo Got Talent España e exerce desde os seus inicios como mestre de cerimonias deste espectáculo.
Juliana Chen (Canadá/China) é a primeira muller na historia en gañar o Gran Premio FISM, o denominado Oscar da maxia. A súa manipulación é un ballet de ilusións, cunha precisión e beleza que che deixarán sen alento. Pola súa banda, Stuart Macdonald (EEUU) é recoñecido pola súa mestura de humor e maxia e foi recoñecido co prestixioso premio Penn & Teller Fool Us e dous FISM.
O arxentino Mirko Callaci é coñecido como o Mestre da Maxia Universal polo seu dominio do ilusionismo. Tamén é gañador do FISM e dos cobizados premios Mandrake d'Or de París e o León de Ouro de Siegfried & Roy. A súa presenza escénica e a súa capacidade para transformar a realidade caracterízano sobre as táboas. Por último, tamén participarán nesta edición Magus Utopia (Países Baixos), unha compañía que redefiniu o ilusionismo, converténdose nunha sensación global co seu paso por Britain's Got Talent. Cunha impoñente troupe de 12 artistas no escenario, o seu show é unha explosión de fantasía, teatro, efectos visuais monumentais e pura maxia.

13 de diciembre de 2025

12 de diciembre de 2025

12 de diciembre de 2025
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible