12 de agosto de 2025
A concelleira de Seguridade Cidadá, Montserrat Paz presentou a memoria de 2024, que ratifica os avances dun modelo de servizo baseado na prevención, a educación e a proximidade
Dende hoxe o corpo contará con seis novos vehículos híbridos
O Concello da Coruña fixo balance hoxe das actuacións desenvolvidas pola Policía Local ao longo do ano 2024, nun exercicio marcado pola consolidación dun modelo de cidade segura, sostible e próxima. A presentación estivo a cargo da concelleira de Seguridade Cidadá, Montserrat Paz, quen destacou a redución da sinistralidade viaria e o fortalecemento das medidas de educación, control e atención á cidadanía.
Nova redución de accidentes e vítimas
Por cuarto ano consecutivo, A Coruña rexistra un descenso na sinistralidade viaria. En 2024 contabilizáronse 758 accidentes de tráfico (67 menos que en 2023) e reduciuse tamén o número de feridos por atropelo, pasando de 117 a 90. Este descenso constante desde 2021 evidencia o éxito das políticas municipais en materia de mobilidade segura e calmado do tráfico.
A concelleira destacou tamén que este ano se actuou en puntos de especial risco para mellorar a seguridade viaria e reducir a sinistralidade. Destacan as obras realizadas na Estrada dos Fortes, onde se reforzaron as medidas de calmado de tráfico na contorna dos colexios Calasancias e Calasanz e do centro de saúde dos Rosales, con pasos de peóns sobreelevados, redutores físicos de velocidade, mellora da sinalización e elementos de protección peonil. Ademais, avanzouse na execución de novas rotondas financiadas con fondos Next Generation, como as da avenida de Fisterra con Gambrinus e avenida de Fisterra con Gutemberg, mellorando a fluidez e a seguridade nestas interseccións que rexistraban alta sinistralidade e actuando en conexións clave entre os barrios do Ventorrillo, Silva e o polígono da Agrela.
Atención directa á cidadanía e tecnoloxía ao servizo da seguridade
O sistema de videovixilancia e control da Sala de Pantallas reforzou a capacidade de resposta municipal con 6.242 chamadas atendidas, máis de 8.408 intervencións en semáforos e máis de 1.100 conexións informativas con medios de comunicación. Ademais, realizáronse 1.419 intervencións de auxilio á cidadanía, ampliando o enfoque asistencial do corpo policial.
Educación viaria para máis de 3.700 escolares
O programa de educación viaria chegou a 3.777 participantes entre alumnado de distintos niveis educativos e persoas que tomaron parte nas actividades de participación libre, promovendo unha cultura de mobilidade segura desde a infancia e consolidando A Coruña como cidade educadora.
Xunto a estas accións, o programa Axente Titor desenvolveu 62 intervencións por absentismo escolar, 56 casos de menores en risco ou desamparo, 34 actuacións por conflito escolar e 29 por ameazas detectadas en contornas educativas. Tamén se interveu en 29 casos relacionados con consumo ou tenencia de drogas, en coordinación con centros educativos e familias.
Aplicación "Eurocop My Alert": resposta en menos de 5 minutos
A ferramenta dixital de seguridade colaborativa para establecementos comerciais consolidouse en 2024 cun tempo medio de resposta inferior aos 5 minutos. Actualmente conta con 77 establecementos adheridos: 38 na zona de Alcalde Marchesi/Gaiteira e 39 na rúa Barcelona. A súa expansión a novas zonas e a valoración positiva dos comercios adheridos avalan o seu impacto como modelo innovador de protección en contornas urbanas.
Convivencia urbana e espazo público máis ordenado
A Policía Local realizou máis de 43.800 denuncias relacionadas coa circulación, con especial atención ás zonas peonís, áreas escolares e espazos de convivencia. No marco destas actuacións, formuláronse 155 denuncias por infraccións cometidas con bicicletas e vehículos de mobilidade persoal, das que 95 foron especificamente por VMP, principalmente por circular por beirarrúas, sen casco, con auriculares ou sen documentación. Ademais, mellorouse a accesibilidade urbana a través do control do estacionamento indebido en zonas sensibles.
Dentro deste ámbito, destaca o traballo da Patrulla Verde, que en 2024 realizou 447 expedientes por vehículos abandonados, 45 comprobacións do estado de animais, 47 intervencións por animais soltos e 34 actuacións contra pintadas e graffitis. Ademais, tramitáronse 25 incidencias por mordidas entre animais e 17 por mordidas a persoas.
Vehículos abandonados reutilizados para operativos policiais
Durante 2024 retiráronse 35 vehículos abandonados, dos cales varios foron reacondicionados como vehículos sin distintivos, optimizando recursos e reforzando a operatividade da Policía Local sen incrementar custos.
Violencia de xénero: atención integral
No marco do protocolo municipal de atención a vítimas de violencia de xénero, a Policía Local atendeu durante 2024 a máis de 100 mulleres con nivel de risco baixo, ofrecendo acompañamento, seguimento e coordinación cos servizos sociais e outros corpos de seguridade.
Montserrat Paz subliñou que "os datos falan por si sós: cada ano melloran os indicadores clave e avanza o modelo de cidade segura que defendemos desde o Concello". Pola súa parte, Carlos García Touriñán destacou "o compromiso constante do corpo da Policía Local coa atención á veciñanza, a prevención e a innovación".
O balance amosa descensos significativos en accidentes, atropelos, denuncias por tráfico, casos de menores en risco, infraccións por convivencia e tenencia de animais; e incrementos positivos en obxectos perdidos recuperados, vehículos retirados por infraccións, controis de alcoholemia e drogas, así como expedientes por vehículos abandonados.
O Goberno municipal manterá e reforzará estas liñas estratéxicas durante 2025, coa posta en marcha de novas campañas de educación viaria, ampliación de ferramentas tecnolóxicas e unha atención directa e eficiente en todos os barrios da cidade.
Aumento da frota de vehículos
Antes da presentación da Memoria anual, a alcaldesa Inés Rey supervisou na praza de María Pita a incorporación de seis novos vehículos que reforzan o parque móbil da Policía Local. Trátase de modelos híbridos enchufables con etiqueta ECO, que reducen emisións e consumo, e que contan con equipamento policial integral para mellorar a resposta operativa: emisora integrada, mampara de seguridade para traslado de persoas detidas, ponte luminoso LED de alta visibilidade, sirena, cámara traseira e espazos de almacenamento de material de intervención. Ademais, dispoñen de sistemas de asistencia á condución e modos específicos para optimizar a seguridade e o confort en servizo.
Rey destacou que "seguimos a modernizar e ampliar os medios da Policía Local para que dispoña das mellores ferramentas á hora de garantir a seguridade e a convivencia na cidade".
O Concello xa traballa na redacción de novos pregos para continuar incrementando e mellorando a frota, co obxectivo de reforzar a capacidade operativa e a eficiencia das intervencións policiais en todos os barrios.

21 de noviembre de 2025

20 de noviembre de 2025

14 de noviembre de 2025
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible