9 de enero de 2026
Nos vindeiros días o inmoble, cuxos propietarios desatenderon reiteradamente as súas obrigas de conservación, cambiará de mans despois de que un particular ofrecese 141.000 euros
O primeiro edificio que formou parte do Plan de ruínas posto en marcha polo Goberno de Inés Rey terá novo propietario nos vindeiros días. O inmoble forma parte dun programa pioneiro en Galicia de poxas forzosas, que ten como obxectivo rehabilitar o espazo urbano nos casos nos que, durante anos, as persoas propietarias de inmobles en situación de ruína desatendesen os reiterados requirimentos de conservación.
A Mesa de contratación reuniuse hoxe para establecer a poxa gañadora polo edificio da rúa Damas número 3. O inmoble, en estado ruinoso dende hai anos, pasará así mediante unha poxa forzosa a unha nova persoa propietaria. Foron tres as ofertas presentadas, cun prezo de saída para a propiedade de 110.884 euros. A mesa propuxo a adxudicación do inmoble a catro particulares representados por Jorge Vázquez Couto, por ser a oferta máis alta presentada, 141.321 euros. O gañador da poxa deberá formalizar os trámites precisos para facer efectiva a compra nos vindeiros días.
O novidoso sistema do Plan de ruínas permite que o Concello saque a poxa un inmoble cando a propiedade non actúe sobre el. A cantidade recadada seralle entregada ao titular actual. Quen resulte adxudicatario da poxa deberá acometer de xeito inmediato, tal e como especifican os pregos, obras de estabilización da fachada. Ademais, desde a sinatura da compra terá tres meses de prazo para presentar un proxecto de reforma para o edificio. Os pregos establecen tamén un prazo de nove meses para que a nova propiedade comece as obras de rehabilitación.
"Trátase de conseguir que a cidade non teña que padecer nas súas rúas a falta de responsabilidade de quen ten un inmoble e non acomete as actuacións de mantemento e conservación obrigatorias para garantir a seguridade e a salubridade na vía pública", indica a alcaldesa, Inés Rey.
O Plan de Ruínas xa permitiu que outros inmobles na rúa Orzán cambiasen de mans nos últimos meses e que se presentasen proxectos para a súa restauración. A intención do Goberno municipal é a de seguir aplicando o sistema para evitar espazos degradados na urbe e para contribuír tamén a aumentar a bolsa de vivenda dispoñible.

20 de agosto de 2026

31 de julio de 2026

27 de julio de 2026
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible