25 de julio de 2026
Os traballos promovidos polo Concello permitirán gañar 5.000 metros cadrados para o tránsito peonil e triplicarán os espazos verdes con respecto á imaxe previa da contorna
As obras de remodelación dos Cantóns, promovidas polo Concello, suporán unha transformación clave do corazón da cidade, que gañará accesibilidade, máis espazos peonís, áreas verdes e, ademais, reducirá a superficie de asfalto dunha forma considerable, o que tamén suporá unha mellora substancial da contorna en termos de sostibilidade.
Ata a posta en marcha da súa remodelación, os Cantóns contaban con case 16.000 metros cadrados de aglomerado. Isto é, a capa de pavimento correspondente á calzada. Agora, coas actuacións previstas entre a praza de Mina e o Teatro Colón, o Concello reducirá o asfalto dos Cantóns á metade, unha actuación clave en materia medioambiental xa que medidas como esta contribúen tamén á redución de temperaturas extremas. Cómpre lembrar que o asfalto convencional impide a infiltración de auga e acumula calor.
Os informes técnicos da dirección de obra reflicten que, cando rematen as obras dos Cantóns, a superficie de asfalto será de aproximadamente 6.700 metros cadrados. Esta redución dos espazos pavimentados con asfalto será a que permitirá gañar a superficie peonil que se está a habilitar na contorna do Obelisco, o Cantón Grande e o Cantón Pequeno, proximamente tamén en Entrexardíns.
En total, está previsto que os Cantóns conten con 5.000 metros cadrados máis de espazos peonís con respecto á súa imaxe previa, con máis superficie de granito e baldosa hidráulica.
É de subliñar que, en todo caso, a circulación do tránsito rodado polos Cantóns seguirá estando habilitada, con dous carrís -un por sentido- por onde poderán transitar os automóbiles e os vehículos correspondentes ao transporte público, tanto autobuses urbanos, como interurbanos e taxis. "O que durante a pandemia todos puideron apreciar disfrutando do espazo público cobra agora a súa configuración definita, con moito menos asfalto, máis enlousado e máis verde. É unha actuación da que pronto poderá gozar todos os cidadáns, que ademais gañarán un xardín histórico que deixara de estar partido por unha carreteira ", indicou a alcaldesa, Inés Rey.
As áreas verdes nos Cantóns triplicaranse coa intervención que está en marcha
Outro dos aspectos destacados da remodelación dos Cantóns será a superficie verde que se gañará tras o remate dos traballos, que tamén permitirán mellorar as conexións cun dos principais pulmóns da cidade: os xardíns de Méndez Núñez.
Anteriormente, o ámbito da obra dos Cantóns contaba cunha superficie de 450 metros cadrados de áreas axardinadas, correspondentes ás medianeiras e a pequenos parterres.
Coa intervención que está en marcha, esta superficie triplicarase ata os 1.300 metros cadrados, e será especialmente visible a ras de solo, coas especies arbustivas que se incorporarán ás novas medianeiras, que segregarán o carril-bici dos carrís destinados ao tráfico rodado, entre a praza de Mina e o Teatro Colón. Estas tarefas, como é habitual no referente á xardinaría, sempre se executan no treito final das obras.
Ademais, as obras nos Cantóns contemplan a plantación de, como mínimo, 17 novas árbores. Varios destes exemplares, en fase inicial de crecemento, xa están repartidos entre as rúas Manuel Casás (6), o Obelisco (4), e Santa Catalina (5). Ademais, está previsto dispor máis exemplares na praza de Mina e na bancada circular que hai fronte á Fundación Barrié.

9 de junio de 2026

30 de mayo de 2026
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible