Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

15 de marzo de 2025

A Rolda Peonil amplía o seu percorrido á rúa Sagrada Familia, onde o vindeiro luns comezará a primeira fase das obras para a súa humanización

Onte comezaron os preparativos de cara á posta en marcha dos traballos, co balizamento das zonas de actuación e o marcado de servizos. O Concello destina máis de 670.000 euros a esta intervención

O vindeiro luns, día 17, arrincarán as obras correspondentes á primeira fase da humanización da rúa Sagrada Familia, unha intervención coa que o Concello dá continuidade ao plan de ampliación da Rolda Peonil, que estenderá o seu percorrido rumbo á Agra do Orzán ao abeiro da expansión que está a promover o Goberno de Inés Rey.

Os traballos de reurbanización levaranse a cabo no treito comprendido entre as rúas Nosa Señora da Luz e San Xaime, unha superficie de 1.640 metros cadrados onde se remodelarán os espazos públicos, transformaranse a calzada e as beirarrúas actuais para configurar, finalmente, unha plataforma única onde haberá prioridade peonil e se manterá o acceso aos vehículos autorizados e de persoas residentes.

A alcaldesa, Inés Rey, lembrou que, como xa se informou meses atrás, na saída a concurso das obras, "as melloras serán visibles nas redes de saneamento, iluminación pública e pluviais". Ademais, plantaranse novas árbores e incrementaranse os espazos e áreas verdes, así como o mobiliario urbano.

En total, o Concello destina 673.000 euros a esta intervención, que executará a UTE Jardinería Arce - Manuel Rivas Boquete nun prazo aproximado de sete meses, sempre e cando as condicións meteorolóxicas sexan favorables para desenvolver os traballos.

Os preparativos de cara á posta en marcha das obras comezaron este venres, co balizamento das zonas de intervención e o marcado de servizos, tarefas que son habituais nos días previos á execución deste tipo de actuacións.

Redistribución do tráfico rodado nas rúas interiores do barrio

Ante o inicio das obras, o Concello definiu o dispositivo especial de redistribución do tráfico rodado nas rúas interiores do barrio da Sagrada Familia.

A posta en marcha deste dispositivo de mobilidade afectará, en liñas xerais, ás rúas Fe e Alberto Datas Panero, onde se sinalizarán cambios de sentido para facilitar o paso de vehículos.

O seguinte treito da Rolda Peonil, ao longo da rúa Antonio Carballo

Como xa informou a alcaldesa días atrás, o Concello ten previsto solicitar fondos europeos para acometer a segunda fase de reurbanización da rúa Sagrada Familia ao longo de Antonio Carballo. Desta forma, a Rolda Peonil chegaría ás portas da Agra do Orzán e, máis concretamente, da súa principal arteria comercial, a rúa Barcelona.

"O obxectivo final segue a ser que a Rolda Peonil conecte o parque de San Diego, nos Castros, co futuro parque do Observatorio, no barrio da Agra, polo que os nosos pasos irán nesa dirección", recalcou a rexedora, que lembrou a necesidade de ampliar, reverdecer e mellorar os espazos públicos en barrios máis compactos e densos poboacionalmente, características comúns á Agra e á Sagrada Familia, por exemplo.

Documentos:

DESCARGA AQUÍ a infografía coas variacións de tráfico no barrio da Sagrada Familia (944 KB)

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión