Ayuntamiento de A Coruña

Ayuntamiento de A Coruña

Cuándo:

18 de agosto de 2026

A terapeuta ocupacional e música Sabela Ramil impartirá o programa de musicoterapia para alumnado con necesidades educativas especiais

A través da Fundación Emalcsa o Concello dalle continuidade a esta iniciativa, que é pioneira en España e incorpora as súas actividades ao horario lectivo, buscando reforzar e mellorar os métodos de ensino e estimular o desenvolvemento do alumnado participante

O Concello, a través da Fundación Emalcsa, adxudicoulle á terapeuta ocupacional e profesional da música Sabela Ramil o contrato para a prestación do servizo de musicoterapia e pedagoxía musical dirixido ao alumnado con necesidades educativas especiais dos centros educativos da cidade. Esta iniciativa está encadrada no plan educativo impulsado por Inés Rey para reforzar os servizos ofrecidos aos nenos e nenas a través de métodos e actividades pioneiras e que estimulen o seu desenvolvemento.  

"Con esta adxudicación, o Concello dálle continuidade a unha liña de traballo consolidada desde hai varios anos, apostando pola musicoterapia como unha ferramenta de apoio á educación e ao desenvolvemento integral de nenos e nenas con necesidades específicas de apoio educativo", subliñou a concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa. 

Ata o de agora, este programa desenvolveuno a musicoterapeuta Iria Rajal, cun balance moi positivo en centros educativos como o CPR Grande Obra de Atocha, Aspronaga, o CEE Nosa Señora do Rosario e o CEIP Raquel Camacho, onde a intervención consolidouse como un recurso de referencia para o acompañamento educativo e terapéutico do alumnado.

Este programa converteuse nunha iniciativa pioneira en España polo seu carácter innovador, ao integrar a musicoterapia dentro do horario lectivo e favorecer que esta intervención forme parte do proceso educativo habitual do alumnado, en coordinación permanente cos equipos docentes, psicopedagóxicos e coas familias.

O obxecto do contrato é incorporar a musicoterapia como un recurso terapéutico dentro da aula, utilizando a música e todos os seus elementos -son, ritmo, melodía e harmonía- para favorecer a comunicación, a aprendizaxe, a expresión, a interacción social e o desenvolvemento psicomotor do alumnado.

O programa contempla unha intervención integral ao longo de todo o curso escolar, que inclúe o deseño dunha programación adaptada ás necesidades de cada centro, o desenvolvemento de sesións grupais e individuais, reunións de coordinación cos equipos educativos e as familias, así como a avaliación continua do impacto do proxecto mediante informes periódicos e unha memoria final de resultados.

Desde unha metodoloxía integradora que combina a Terapia Ocupacional e a Musicoterapia, o programa desenvolverá intervencións orientadas a favorecer a interacción social, o desenvolvemento afectivo-cognitivo, a comunicación e a linguaxe, así como as habilidades neuropsicomotrices do alumnado, situando sempre a cada neno e nena como protagonista do seu propio proceso evolutivo.

Entre as actuacións previstas figuran ata doce sesións grupais semanais, sesións individuais para o alumnado que o precise, reunións de coordinación cos equipos psicopedagóxicos e as familias e a elaboración de informes de seguimento que permitan avaliar tanto a evolución das persoas participantes como o impacto social e educativo do programa.

A persoa adxudicataria desenvolverá o servizo conforme aos requisitos establecidos no prego de contratación, que inclúen formación superior en música, pedagoxía musical ou disciplinas do ámbito da saúde ou da educación, especialización de posgrao en musicoterapia, habilitación docente e acreditación do coñecemento da lingua galega.

Unha traxectoria de música e diversidade

Graduada en Terapia Ocupacional pola Universidade da Coruña e especializada en Musicoterapia polo Instituto de Música, Arte y Proceso de Vitoria-Gasteiz, Sabela Ramil conta con máis dunha década de experiencia no deseño, dirección e desenvolvemento de proxectos que conectan a saúde, a inclusión social e a práctica artística.

Ao longo da súa traxectoria profesional desenvolveu intervencións no ámbito clínico e comunitario, especialmente na atención á diversidade na infancia e na mocidade, a saúde mental e o acompañamento a colectivos en situación de vulnerabilidade. Ademais, impartiu formacións e obradoiros dirixidos a profesionais e alumnado sobre inclusión, creatividade e atención á diversidade.

De forma paralela, mantén unha consolidada carreira artística como compositora, produtora e directora do seu proxecto musical, "Sabela", unha experiencia que achega unha visión multidisciplinar na que conflúen o rigor terapéutico, a accesibilidade sensorial e a creación artística, aspectos que caracterizan a metodoloxía do programa de musicoterapia que desenvolverá nos centros educativos da cidade.

Con esta nova adxudicación o Concello reafirma o seu compromiso co impulso de proxectos educativos innovadores que contribúen a mellorar a calidade de vida e as oportunidades de desenvolvemento do alumnado con necesidades educativas especiais, consolidando un programa pioneiro que constitúe un referente tanto pola súa metodoloxía como pola súa integración no ámbito escolar.

Categorías de la noticia

¿Qué te parece esta sección?

-101-101-101

¡Tienes un navegador demasiado antiguo!

Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible

Iniciar sesión