17 de noviembre de 2025
A artista galega ofrecerá un formato íntimo e auténtico, nun espectáculo no que a canción se sitúa no centro absoluto, sen artificios, reivindicando a esencia da composición e da palabra
O Teatro Colón da Coruña acollerá o día 10 de xaneiro de 2026, ás 20.30 horas, un concerto de SÉS, que presentará ao vivo o seu novo traballo discográfico "Nadando na incerteza", nun espectáculo que aposta pola esencia, a palabra e a música sen artificios.
O novo álbum, composto por 13 temas orixinais, reivindica a figura da cantora e autora, situando a canción no centro de todo. A proposta afástase das sobreproducións para ofrecer un exercicio de artesanía musical, cunha sonoridade limpa, directa e coidada, onde a melodía e a letra marcan o ritmo emocional do espectáculo.
Acompañan a SÉS no escenario Sabela Galbán (acordeón, frauta, percusións e voz), Hirahi Afonso (timple canario e guitarra), Tito Calviño (guitarra) e Mayfer Pinto (percusións), nun elenco que contribúe a crear unha atmosfera cálida, honesta e chea de forza escénica.
As entradas do concerto do 10 de xaneiro están xa dispoñibles a través de Ataquilla, así como nas taquillas habituais da praza de Ourense (de luns a venres, agás festivos) e do Teatro Colón, desde dúas horas antes da función, sempre que haxa localidades dispoñibles.
Están habilitados descontos do 20 % para persoas maiores de 65 anos, titulares do Carné Xove e persoas desempregadas, así como un 25 % para familias numerosas, sendo necesaria a presentación da documentación acreditativa no momento da compra e tamén no acceso ao teatro.
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, destacou que "o regreso de SÉS ao Teatro Colón reafirma o compromiso do Concello da Coruña coa música galega de calidade, nun espectáculo que pon en valor a creación orixinal, a palabra con peso e a forza da música feita desde aquí".
Estes concertos forman parte da aposta do Goberno de Inés Rey polo fomento da cultura propia, con programación todo o ano de talento galego e coa finalidade de consolidar A Coruña como capital cultural de referencia no noroeste peninsular.

21 de febrero de 2026

18 de enero de 2026

16 de enero de 2026
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible