Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

15 de maio de 2025

Aberta a inscrición na carreira popular dos Rosales, que renovará parcialmente o seu percorrido, con máis presencia nas rúas do barrio

A proba, que terá lugar o domingo 1 de xuño, marcará o ecuador desta tempada do circuíto Coruña Corre. Das sete carreiras previstas este ano, a dos Rosales será a cuarta

O Concello abriu hoxe o prazo de inscrición de cara á XII edición da carreira popular dos Rosales, que se celebrará o domingo 1 de xuño e que este ano, como principal novidade, variará parcialmente o trazado na categoría absoluta, con máis percorrido polas rúas do barrio e no sentido inverso con respecto á edición do ano pasado.

A carreira será de case seis quilómetros e arrincará ás 10.00 horas na avenida Fernando Suárez García, a carón do pavillón polideportivo municipal dos Rosales. O primeiro sector levará ás persoas participantes pola travesía dos Rosales e, xa a continuación, polas rúas Manuel Azaña e Simón Bolívar, circunvalando posteriormente a praza Elíptica e saíndo, xa despois, en dirección á estrada do Portiño, por onde discurrirá boa parte da carreira.

A liña de meta estará precisamente a carón do pavillón polideportivo municipal dos Rosales, chegando desde O Portiño. É outro dos aspectos destacados desta edición, que, ao facerse en sentido inverso con respecto á carreira do 2024, suaviza o percorrido final -o ano pasado, a meta era en sentido de subida desde o paseo marítimo, chegando desde a Percebeiras, coa pendente do Millenium- e dá resposta a unha das principais achegas do público participante.

O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, animou a cidadanía a participar nesta nova proba de Coruña Corre, que chega xa ao ecuador desta temporada. Como xa é habitual, o circuíto retomarase tras a tempada estival e será a mediados de setembro cando comezará a segunda parte da programación para este ano 2025, que inclúe a Volta a Oza e as carreiras populares nos barrios do Ventorrillo e Novo Mesoiro.

"Hai máis de 2.100 persoas inscritas no conxunto do circuíto e, ademais, estamos a vivir carreiras emocionantes, con moito público familiar, con pais, nais e fillos que participan nas probas. Iso é precisamente o que buscamos: crear un sentimento de pertenza e visibilizar que Coruña Corre non só é deporte, senón que contribúe ao fomento de valores como a inclusión e os hábitos saudables", explicou Vázquez.

O prazo de inscrición, aberto ata o vindeiro domingo 25 de maio

As persoas interesadas en formalizaren a súa inscrición na carreira popular dos Rosales poderán facelo ata as 23.59 horas do vindeiro domingo 25 de maio.

Xa nos días seguintes, o Concello notificará, a través das súas canles oficiais, toda a información relacionada coa recollida de dorsais (lugares e horarios), os servizos de asistencia que se habilitarán o día da carreira e tamén as incidencias de mobilidade previstas o 1 de xuño.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión