Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

28 de marzo de 2023

O primeiro voo que conectará A Coruña coa cidade italiana sairá este martes, ás 17.15 horas, con EasyJet como operadora

Alvedro suma hoxe con Milán o seu terceiro destino internacional, con dúas frecuencias semanais á cidade italiana durante todo o ano

É a primeira vez que A Coruña conta cunha liña aérea regular con Milán

Desde este martes, A Coruña amplía o seu mapa de conexións aéreas internacionais, sumando Milán-Malpensa aos destinos europeos xa dispoñibles desde o aeroporto de Alvedro, que tamén abranguen as cidades de Xenebra (Suíza) e Londres (Reino Unido).

Ao igual que no caso de Xenebra -conexión que se inaugurou a pasada fin de semana-, a ruta con Milán-Malpensa contará coa aeroliña EasyJet como operadora. Haberá dúas frecuencias semanais desde Alvedro coa cidade italiana, os martes e sábados, durante todo o ano. Neste sentido, o primeiro voo procedente do aeroporto de Milán-Malpensa chegará a Alvedro esta tarde, ás 16.30 horas. O percorrido de volta a Italia será xa ás 17.15 horas, no avión EJU3774.

Cun fluxo de tráfico de aproximadamente 29.000.000 pasaxeiros por ano, Milán-Malpensa é o segundo aeroporto máis importante de Italia, despois do de Roma-Fiumicino. Desta forma, o Concello reforza o papel da cidade como destino turístico, pero tamén amplía o mapa de de destinos dispoñibles para os coruñeses e coruñesas coas conexións internacionais que oferta a cidade italiana.

Neste sentido, a alcaldesa, Inés Rey, subliñou que a nova conexión con Milán, así como a que se abriu recentemente con Xenebra, "amosa a aposta do Goberno municipal para potenciar o valor turístico da Coruña a través de infraestruturas clave para a cidade, como é o caso do aeroporto de Alvedro". A rexedora recordou, ademais, que é a primeira vez que A Coruña conta cunha conexión aérea regular coa cidade de Milán.

A conexión con Ámsterdam, prevista no segundo semestre de 2023

Coa incorporación de Milán ao abano de destinos dispoñibles desde Alvedro, A Coruña incrementa a tres as súas conexións internacionais, todas elas en continente europeo. A previsión do Goberno de Inés Rey é que a esta oferta  se sume no segundo semestre de ano unha nova liña co aeroporto de Ámsterdam-Schiphol, que tamén contará con EasyJet como compañía operadora.

A conexión con Ámsterdam activarase toda vez que se solvente a escasez de slots dispoñibles actualmente no aeroporto neerlandés, o máis importante dos Países Baixos.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión